90 obras e 270 participantes na exposición colectiva sobre Rosalía “Aló no recuncho máis fermoso”

A Casa da Cultura de San Sadurniño clausurará a programación rosaliana con dúas pezas documentais e unha lectura colectiva
IMG_0898

A Concellaría de Cultura de San Sadurniño apostou este ano por homenaxear a figura de Rosalía de Castro dun xeito diferente. O reto consistiu en implicar a veciñanza nun proxecto de creación colectiva ao redor da escritora co gallo do seu aniversario. A aposta saiu ben, á vista da exposición que pode admirarse durante estes días na Galería do Concello.

Nas súas paredes hai un total de 90 cadros de distintos formatos deseñados coa participación de 270 persoas entre particulares, colectivos e alumnado dos centros de ensino locais -o CPI e a EIM A Rolada-, ademais dos achegados polas persoas atendidas no Centro de Día, na residencia A Súa Casa e no obradoiro fenés de Aspaneps.

Música, recitais e audiovisual 

A mostra, titulada “Aló no recuncho máis fermoso” forma parte das actividades do Mes de Rosalía que finalizará este mesmo sábado a partir das 19.00 horas cun evento musical, literario e audiovisual que terá lugar na Casa da Cultura.  Na primeira das pezas documentais que se van proxectar recóllese o traballo desenvolvido na Escola Infantil A Rolada, no obradoiro Espazos das Familias, os testemuños da rapazada do CPI ao respecto de Rosalía e da perda de falantes do galego e tamén as reflexións de varias persoas de maior idade sobre a relevancia da escritora.

A proxección deste documental non será o único audiovisual do evento. De feito o acto abrirá co pase da peza “Negra sombra”, producida polo artista dixital Pablo Millán para o 3º Chanfaina Lab. Este apartado completarase co pase de varios videopoemas gravados no curso sobre manexo do móbil ofrecido pola Aula CeMIT en Lamas.

O evento -con entrada libre- estará conducido pola rapazada do Club de Lectura da Biblioteca e contará ademais coa lectura colectiva de varios poemas e coas actuacións da Escola municipal de pandeireta e do Coro de cantos de taberna que botou a andar hai algúns meses en San Sadurniño.

Durante a sesión entregaranse os premios do Reto lector lanzado pola Biblioteca Municipal ao longo de 2019 e tamén se sorteará a lámina que ilustra a exposición da galería municipal, obra do artista gráfico Juanlu Nacha.

Relacionadas