Valdoviño celebra o Día do Orgullo Neofalante cun concerto de MJ Pérez

A artista ofrecerá este xoves para o alumnado da ESO do CPI Atios o concerto-charla “Sube ao Galego” na Casa da Cultura
MJ Pérez, unha das novas voces no panorama actual da música galega
MJ Pérez, unha das novas voces no panorama actual da música galega

O Concello de Valdoviño celebrará o Día do Orgullo Neofalante cunha actuación de MJ Pérez dirixida á mocidade e coa exposición Cantámola no CPI Atios. A primeira proposta desenvolverase mañá xoves a partir das 17:00 horas na Casa da Cultura, dirixida ó alumnado da ESO do centro educativo. En grupos, poderán asistir ó concerto-charla «Sube ao Galego» con MJ Pérez, unha das novas voces no panorama actual da música galega.

Acumula máis de cen concertos en diferentes cidades e pobos de Galicia e Portugal, e xa ten tres álbums: un autopublicado —Ollos que non ven, síntoma de cegueira— e dous autoproducidos —Guerrilleira e Casandra—. A música de MJ Pérez bebe da esencia da composición, unha fusión de diferentes estilos musicais co predominio do rock-pop. A palabra e a mensaxe dos temas adquiren un protagonismo especial xunto coa súa voz, chea de personalidade. En Valdoviño, entablará un diálogo coa mocidade sobre a lingua e a experiencia artística.

Así mesmo, na actividade traballarase sobre os diferentes referentes da mocidade e na súa relación cos valores das linguas, neste contexto farase incidencia no fenómeno emerxente de creación musical en lingua galega como modelo de impulso do uso e prestixio do galego. A busca conxunta de referentes e motivacións do alumnado en distintas iniciativas ao redor da lingua tamén será motivo de reflexión e diálogo.

Ademais, a vindeira semana, chegará ao municipio a expo «Cantámola», unha mostra dedicada á música galega e en galego, formada por 14 paneis que amosan a rica oferta musical de Galicia e en galego, en ámbitos como as músicas urbanas, rap, mestizaxe, experimentación electrónica, pop – rock ou infantil, entre outros. Tanto a actuación anterior como a exposición, que permanecerá durante toda a semana no CPI Atios, están organizadas polo Servizo de Normalización Lingüística que o Concello de Valdoviño comparte cos concellos de Cabanas, Ares, Mugardos e Neda a través da Mancomunidade

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.