Valdoviño despedirá este sábado o Entroido co seu tradicional Festival de Comparsas. Un certame que este ano acada as 20 edicións. No mesmo, confirmaron a súa asistencia nove comparsas de diferentes localidades da comarca e, en suma, tomarán parte nesta xornada preto de 340 persoas. A cita dará comezo ás 17.30 horas nas inmediacións da Casa do Concello. Dende este punto partirá o pasarrúas con destino ata a Casa da Cultura, onde se desenvolverá o festival a partir das 18.00 horas, conducido polo cómico galego Pedro Brandariz.
Alí, e por este orde, interpretarán os seus temas máis humorísticos as seguintes comparsas: Os Colludos (Narón); Os Parrandolos (Narón); A Canteira (Neda); Tróupele, Tróupele (Narón); Colexio Rural Agrupado (Valdoviño); Os Trastos (Valdoviño); Os Faranduleiros (Valdoviño); Semente Trasancos (Narón), e Os Chorlitejos (Valdoviño). Na categoría de parellas ou individuais haberá actuacións temáticas a cargo de “O granxeiro e a cabaza falcatrueira”, “Carapuchiña Vermella” e “Valdoviño encantado”.
O Concello de Cabanas tamén pechará este sábado as actividades do Entroido programadas polo concello por estas datas. A partir das 18.00 horas no Pavillón de Lavandeira terá lugar a Festa Infantil, organizada en colaboración coa ANPA O Castiñeiro. Nela haberá actividades de animación destinadas a nenas e nenos, así como doces típicos destas datas.
Doutra banda, a partir das 21.00 horas terá lugar a Festa de maiores no local da Sociedade O Loureiro, nas inmediacións do pavillón, con degustación de sobremesas de Entroido e a actuación de DJ Dany. En ambas as dúas festas haberá premios variados para os mellores disfraces.
Discussion about this post