O Románico na Comarca Eumesa

Co título O Románico na Comarca Eumesa, don Álvaro Vázquez Penedo, mestre de Pontedeume, publicou na imprenta López Torre un pequeno libro dedicado aos alumnos de Pontedeume que durante corenta anos pasaran pola súa clase, como unha lección máis. O libro, editado en 1977 e reeditado en 1986, tiña como mérito engadido o incluír tradución en inglés e en francés, idioma do que era diplomado pola Sorbona.

Foi o libro de don Álvaro, e o empeño de don Pablo Díaz Novo, o que nos levou a profundifar no tema, tentando perfilar as características propias do Románico eumés e poñer de manifesto as súas peculiaridades dentro do contexto de Galicia, onde o Románico, polo seu número e calidade, se configura como un estilo nacional. Froito diso foi a publicación dun libro que, por non repetir o de don Álvaro, titulouse Igrexas Románicas dá Comarca do Eume. O libro viu a luz en 1997 e foi impreso tamén na imprenta López Torre, baixo o patrocinio da Consellería de Educación. Tanto neste libro como no de don Álvaro advírtese a herdanza dos estudos de Ángel del Castillo e de Antonio Couceiro Freijomil respecto a o que se consideraba Comarca Eumesa, que non era outra que a vertebrada polo río Eume, na que o alfoz de Pontedeume xogou un papel esencial ao longo da Historia. Posteriormente houbo algunha que outra achega, destacando a obra Arte no Golfo Ártabro e o oriente coruñés (2005), de Mª. del Pilar Carrillo Lista, froito dunha Tese doutoral dirixida por Ramón Yzquierdo Perrín.

Ademais, outras veces, en distintos artigos, de forma conxunta (O Comarcal, agosto 2000) ou individualmente para algunha das igrexas (especialmente, Vilanova, Doroña, Caaveiro e Breamo) ocupámonos do tema, pero sempre nun tempo onde non existían os medios informáticos ou estaban en cernes, e non está de máis que volvamos repetir cousas xa ditas en beneficio dun Románico que merece ser coñecido e visitado.

A nómina do Románico Eumés

Compoñen o Románico eumés seis igrexas, ás que habería que engadir os restos románicos do mosteiro de Sta. María de Monfero e a igrexa desaparecida de S. Xoán de Caaveiro. Estas igrexas configúranse como un universo dentro do estilo Románico, pois están representadas as tres fases do estilo: S. Xoán de Vilanova, do primeiro Románico ou Románico Lombardo, de finais do século XI ou comezos do século seguinte; o Románico pleno, ao que pertencen as igrexas de S. Martiño de Andrade, Sta. María de Doroña e S. Pedro de Cervás; e o Románico tardío, que, cunha inscrición de 1187, ten en S. Miguel de Breamo un exemplo desatacado.

Características particulares

O eumés é un Románico de templos dunha soa nave e de ábsida semicircular, pois as seis igrexas teñen este tipo de ábsidas, como tamén o tiñan as desaparecidas de S. Xoán de Caaveiro e Sta. María de Monfero. Para poñer de manifesto esta singularidade hai que dicir que dos aproximadamente 117 restos de románico na provincia da Coruña, só 14 teñen unha ábsida semicircular. De 5 das igrexas (Vilanova, Cervás, Andrade, Caaveiro e Breamo) non se conserva a portada, sendo Sta. María de Doroña a igrexa que chegou ata nós enteira, se exceptuamos a espadana ou posiblemente o alpendre. Na decoración destacan os capiteis con follas carnosas e bolas, e a presenza de Agnus Dei en Doroña, Caaveiro e Vilanova; nestas dúas últimas, xa desaparecido. Hai que sinalar tamén a presenza do tema da luxuria en Andrade e Breamo, ou as cabeza humanas (Caaveiro) e de animais (Cervás), nos canzorros.

Dúas Igrexas moi singulares

S. Xoán Vilanova e S. Miguel de Breamo son dúas igrexas moi destacadas dentro do Románico galego. A primeira por ser un dos tres exemplo en Galicia de Románico Lombardo. Este Románico caracterízase pola presenza de arquiños semicirculares cegos na ábsida, a ausencia de beirados, a unión directa da ábsida á nave sen tramo recto e a presenza do perpiaño pequeno nas paredes laterais. Únese a iso una certa influencia prerrománica no aparello da ábsida e na decoración da orladura próxima ás tellas.

Respecto a S. Miguel de Breamo, antigo mosteiro de cóengos regulares xa existente en 1169, posúe unha soa nave, tres ábsidas semicirculares e está totalmente aboveda, cunha singular bóveda cuatripartita no cruceiro que debeu de ser das primeiras de Galicia; ao que habería que engadir a decoración de piñas nos capiteis ou a destacada incorporación da escultura na base dalgúns capiteis, pouco frecuente no Románico galego. Sempre nos preguntamos a razón da singularidade da planta desta igrexa, que ten unha nave transversal tan ancha como a nave principal, e a única resposta que atopamos é que tivera sido proxectada como igrexa de tres naves, é dicir, algo parecido a S. Martiño de Xubia.

Salir de la versión móvil