O Teixo de Pontedeume: unha árbore espectáculo

De poucas árbores se ocupou tanto a prensa como do Teixo da finca da familia Tenreiro; unha árbore centenaria que no 2019 foi sacado do Catálogo Galego de árbores senlleiras, despois de que en 2012 a Estación Fitopatolóxica de Areeiro certificase a súa defunción. Pero a súa fama non se debeu tanto a un interese botánico como ao seu particular moldeado e a ser unha árbore habitable, con dous espazos aos que se accedía por unha escaleira de caracol. Poderíase dicir que, en gran medida, foi unha manifestación temperá do que, vindo o tempo, se chamaría land arte; é dicir, unha corrente artística vangardista que crea arte utilizando a natureza.

De Luis Ovalle, posiblemente enxeñeiro agrónomo ou botánico, non temos moita información, pero a suficiente para saber que veraneaba en Pontedeume na primeira metade do século XIX e era parente dos propietarios da finca de S. Calcón, antes de pasar a mans da familia Tenreiro. Escribe que, despois de roubar algunhas froitas, nos veráns en Esteiro, adoitaba subir a comelas á plataforma do Teixo, burlando o cadeado da entrada da escaleira. Supoñémoslle, pois, ben informado cando, desde Cádiz (na revista O Campo: agricultura, xardinería e sport, nº 7, 1878), escribe que en 1825 o propietario da finca, na que había unha fábrica de curtidos, constrúe unha glorieta avanzada cara á ría, á que traslada un teixo que fora plantado en 1725. Engade Ovalle que o traslado, que non foi fácil, realizouse cun plano inclinado, e que o moldeado do teixo concluíu en 1840, “estrenándose con una comida de veinte cubiertos en torno de la mesa redonda que circuye el tronco, establecida en el primer cuerpo del árbol”. Ademais, era normal que o seu propietario, José Andrés Varela, o adornase nas festas con bandeiras e farois.

Cando se pechou a fábrica, os seus herdeiros venderon a finca, en 1868, a Agustín Tenreiro Fernández, sen que o Teixo, ao que non se lle deu moita importancia, como nos di Ovalle, sumase un céntimo máis na partida do contrato. Pero é evidente que os novos propietarios seguírono coidando, pois engadiron un segundo piso e cercárono con tramos de enreixado entre piares de cantería.

Pintura de Antonio Tenreiro Rodríguez, 1908.

Desde principios do século XX proliferan as visitas ao Teixo, como a organizada en 1910 pola Universidade Popular da Coruña; visita á que asisten 60 obreiros e faise coa colaboración de Ramón María Tenreiro e o director do semanario Ecos do Eume, no que, en 1914, inclúese ao Teixo na guía turística que publica dentro das súas páxinas.

A aparición de fotografías do Teixo en revistas de gran difusión como Galicia (1908), Vida Gallega (1922) ou Almanaque Gallego (1927) convertérono nunha árbore moi popular en Galicia. Paralelamente Ramón María Tenreiro difunde a súa singularidade nos círculos políticos e intelectuais de Madrid. Moito se escribiu, sen dúbida esaxerando, sobre as visitas ao Teixo de grandes personalidades. Pero é evidente que moitas das mesmas, que terminaban coa consecuente foto diante do Teixo, non terían ocorrido de non ser Ramón María Tenreiro un destacado político e literato. Edmundo Roberes, fundador do semanario Ecos do Eume e ben decatado do que sucedía na vila, infórmanos, en artigo publicado 1908, que “entre los numerosos personajes que han ido a ver el notable arbusto de hoja perenne, figuran el que fué insigne escritor D. Emilio Castelar; el Excmo. Señor D. Juan Armada y Losada, Marqués de Figueroa, y el general Lachambre”. Da visita de Castelar, que ten lugar en 1885, deu boa conta a prensa da época, sendo rememorada pola mesma á súa morte e como efemérides 50 ano despois: “En Puentedeume salieron a recibirlo comisiones del Ayuntamiento y del comité republicano progresista que preside el Sr. Punín. En la finca del señor Tenreiro fue obsequiado con un espléndido lunch, visitando el tejo de aquella finca””. Non hai dúbida de que na finca estivo Azaña e de que Emilia Pardo Bazán, na súa novela “Una Cristiana”, se inspirou no Teixo de Pontedeume cando inclúe a un personaxe, Román Aldao, que presume dun teixo idéntico, encomiado por Castelar; teixo ao que describe minuciosamente.

O Teixo foi fotografado con profusión, pintado e foi obxecto de composicións de prosa poética, como a asinada por de A. López Carballeira. E sobre el escribíronse artigos nos que se encomiaban as súas características fisiolóxicas e a súa importancia. Entre estes, ademais do artigo da revista Cátedra, destaca “Árbores Históricas e árbores raras” (O Orzán, 1918), asinado por Mondo, onde o equipara á árbore de Guernica e a outras árbores notables de connotacións históricas; “Árbores Históricas” (Ecos de Galicia, 1923), de Juan Rof e Codina, que o pon ao nivel do piñeiro manso de Sobrada (Tomiño) e do carballo de Santa Margarita (Pontevedra); ; ou “O Xigante Verde” (Compostela, 1924), de José Mª Moar, que o cualifica de marabilla sen igual en toda a Península Ibérica.

En efecto, o Teixo foi un árbore espectáculo que sempre requiriu de moito coidados e sempre foi vulnerable. Sabíao ben Antonio Tenreiro, cando, antes de morrer, expresou o desexo de “…que la propiedad del árbol se trasmita a manos tan cuidadosas y que tengan por el mismo tanto interés y cuidado como hasta ahora cupo la suerte que así fuese…”. En realidade el xa sabía que a árbore morrería, como morren todos os seres vivos que cumpren tantos anos e viron morrer a todos os seus achegados (os Varela e os Tenreiro), e o Teixo chegou a cumprir os 300.

Salir de la versión móvil