A raíz das obras que se están a realizar na rotonda do extremo da ponte, veunos á mente o tema dos cruceiros, no lado de Cabanas (onde houbo un cruceiro), como traballo previo á instalación dos pasos peonís. A maiores uniuse a morte de Juan J. Burgoa Fernández, quen dedicou moitas páxinas, agrupadas en non menos de seis libros e numerosos artigos, ao estudo dos cruceiros. Naceu Juan José Burgoa en Ferrol en 1944 e foi capitán de navío da Armada. Impulsor do Ferrol da Ilustración, membro da Asociación Amigos dos Cruceiros e do Foro Amigos de Ferrol, foi un gran difusor da historia de Ferrol, especialmente do seu patrimonio etnográfico, con 14 libros escritos e máis de cen artigos no seu haber.
A partir de agora botaremos de menos, se ninguén toma o relevo, as entregas que puntualmente nos enviaba o Foro Amigos de Ferrol, con valiosas achegas sobre a historia, a arte e o patrimonio da devandita cidade. Lembramos tamén a coñecida obra de Castelao As cruces de pedra na Galicia, considerada como o primeiro estudo serio sobre o tema; ou o monumental inventario de cruceiros en catro tomos de Luis Martín Ruiz, quen constata 2.124 exemplares para a provincia da Coruña. Burgoa fala de que en toda Galicia podería chegar a haber máis de 10.000 exemplares. Sen dúbida estamos diante dun fenómeno etnográfico tan importante como é o dos muíños hidráulicos ou os hórreos, pero cunha vertente artística e literaria máis destacada, que Juan J. Burgoa non deixou de estudar.
Manifestacións populares da relixiosidade galega desde os primeiros anos do cristianismo, da inmensa maioría descoñecemos a súa autoría e a súa cronoloxía, sendo a devandita cronoloxía tan ampla que podemos dicir que chega ata a actualidade; e sen dúbida conectan cos cultos pagos, cos altares, pedras de abalar, menhires, marcos e petróglifos, cunha función non moi distinta adaptada ás novas crenzas. Co cruceiro, a imaxe relixiosa, tan exacerba na relixión católica a diferenza de, por exemplo, a relixión protestante ou musulmá, sae dos templos e sitúase na natureza, nas rúas, nos camiños, prazas e atrios, como un símbolo da omnipresencia de Deus e da Virxe no mundo; imaxes de fe, protectoras, taumatúrxicas, de veneración e salvación.
O cruceiro de Cabanas
O debuxo que chegou ata nós de Pedro Teixeira, anterior a 1620, co cruceiro no extremo da ponte, ponnos de manifesto que se trata dunha peza de notable antigüidade, ao que se une o feito de que sexa un dos poucos cruceiros de Galicia unido a unha ponte. Aínda que non temos ningunha constancia documental de que sexa o mesmo cruceiro que estivo na unión da estrada Campo do Oito coa nacional, hoxe no interior da rúa do mesmo nome. Deteriorado polas inclemencias do tempo, polos traslados e por algún atropelo, é do tipo que Luis Martín clasifica como “B” De crucifixo. No anverso represéntase o Crucificado de tres cravos e coroa de espiñas, e, no reverso, á Inmaculada con cabeza de anxo e lúa aos pés. Debaixo da cruz ten capitel cuadrangular, varal octogonal e plataforma de tres bancadas octogonais.
Por mor destas breves liñas, volvín a visitalo e, ao examinar detidamente por enésima vez as características formais das esculturas, pensamos que ben puidese ser, en efecto, de finais do século XVI. Un veciño coméntanos que é fotografado con profusión polos moitos peregrinos que fan o Camiño Inglés, polo que se pode dicir que segue cumprindo a función que desde a súa realización lle foi encomendada e só desexamos que se poñan as medidas necesarias para a súa conservación.