Potenciar os hábitos de vida saudables, favorecer o consumo de alimentos de proximidade ou fomentar o contacto coa natureza son tres dos piares que definen o programa de hortos urbanos da Deputación de Lugo. Unha iniciativa que leva anos en marcha e que consolidou a agricultura ecolóxica como unha alternativa sostible e accesible. Ao mesmo tempo, esta proposta promove a participación cidadá, a convivencia e o aproveitamento responsable dos recursos naturais no ámbito urbano.
A día de hoxe, a institución provincial conta cun total de 155 parcelas públicas, situadas na contorna do Paseo do río Rato, a pleno rendemento, o que dá conta da boa acollida que ten esta iniciativa gratuíta de lecer ambiental entre os veciños e veciñas de Lugo e dos concellos limítrofes. O programa destaca tamén polo seu marcado carácter social e educativo, pois os hortos urbanos son tamén espazos de convivencia interxeracional, nos que intercambiar coñecementos e crear comunidade.



Neste contexto, a finais do mes de marzo formalizouse unha nova adxudicación coa entrega de 50 hortos: 12 autorizacións foron para antigos usuarios e usuarias que se lles acababa a concesión, e as 38 restantes asignáronse a novos beneficiarios e beneficiarias, que poderán utilizar estes espazos de 30 metros cadrados por un período máximo de catro anos. Ademais, este programa compleméntase cun servizo de formación en horticultura ecolóxica para que as persoas usuarias aprendan algunhas cuestións relacionadas co terreo, os recursos, os materiais ou a maquinaria de forma gratuíta.



Ademais, o compromiso da institución provincial coa sostibilidade ambiental e a promoción da agricultura ecolóxica compleméntase coa xestión e o mantemento dos 32 hortos urbanos de Paxariños, de titularidade municipal. Un acordo que se materializou co Concello de Lugo para mellorar a eficiencia na xestión destes espazos que se atopan entre a ladeira de Fontiñas e o paseo fluvial do Rato, ao carón do barrio lucense de Xuíz.
Os hortos urbanos forman parte dunha acción máis ampla posta en marcha pola Deputación de Lugo que trata de fomentar o coñecemento e a posta en valor do territorio, concretamente, o que ten que ver coas Reservas da Biosfera, das que a provincia de Lugo é o máximo expoñente en Galicia. A fórmula basease en favorecer o desenvolvemento sostible a través de iniciativas que aproveiten a nosa riqueza natural, tanto no eido do sector primario, como do turístico.


