As escavacións en Ons revelan restos castrexos fóra da muralla do Castelo dos Mouros

Xunto a esta construción apareceron tamén outras estruturas pétreas que están a ser estudadas para determinar a súa funcionalidade
Vista aérea dos xacementos | ARQUEOLOXÍA GEAAT
Vista aérea dos xacementos | ARQUEOLOXÍA GEAAT

A última campaña arqueolóxica desenvolvida no xacemento do Castelo dos Mouros, na illa de Ons, sacou á luz por primeira vez evidencias de ocupación castrexa máis aló do recinto amurallado. O achado supón un novo avance na comprensión da evolución histórica deste enclave e abre novas incógnitas sobre a súa configuración ao longo dos séculos.

A escavacion dunha das casa da Idade de Ferro | ARQUEOLOXÍA GEAAT

Os primeiros indicios castrexos aparecen máis aló da muralla

Os traballos, impulsados polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo co financiamento do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, puxeron fin á segunda fase dunha investigación iniciada na primavera. Ata o momento, as campañas realizadas no castro permitiran diferenciar as áreas de ocupación das distintas épocas. As evidencias recuperadas apuntaban a que a poboación castrexa se asentara principalmento no interior da muralla, mentres que os restos vinculados á época romana aparecían nas zonas máis baixas da ladeira.

Os restos fóra da muralla | ARQUEOLOXÍA GEAAT

Os resultados desta última intervención modifican parcialmente esa interpretación. Durante as escavacións realizadas no exterior da fortificación documentouse un muro atribuído inicialmente á Idade do Ferro baixo os niveis asociados a unha construción romana. Trátase da primeira estrutura deste período localizada fóra do recinto defensivo, un descubrimento que podería indicar que a área ocupada polos habitantes do castro foi máis ampla e complexa do que se pensaba.

Cinco vivendas confirman a ocupación na Idade do Ferro

A campaña centrou boa parte dos seus esforzos nunha terraza situada a media ladeira do castro, onde xa se localizaran estruturas da Idade do Ferro en anos anteriores. Nesta zona completouse a escavación dunha ampla vivenda detectada durante a campaña de 2025, que conserva no seu interior un elemento interpretado polos especialistas como unha posible lareira central.

A escavación nunha das casas castrexas | ARQUEOLOXÍA GEAAT

Xunto a esta construción apareceron tamén outras estruturas pétreas que están a ser estudadas para determinar a súa funcionalidade. Ademais, a localización dun novo muro curvo permitiu incrementar ata cinco o número de casas identificadas.

Conservación e divulgación para garantir o futuro do xacemento

A intervención non se limitou ás tarefas de investigación. Un equipo especializado en restauración traballa xa na consolidación e protección das estruturas descubertas, especialmente aquelas que presentan un estado de conservación máis delicado. O obxectivo é garantir a preservación dos vestixios arqueolóxicos e preparar o terreo para futuras investigacións e posibles iniciativas de aposta en valor do xacemento.

Visita do alumnado da Escola Superior de Conservación e Restauración e Bens Culturais de Galicia ao Parque Nacional das Illas Atlánticas | ARQUEOLOXÍA GEAAT

Durante os traballos, o enclave recibiu a visita de novos guías especializados do Parque Nacional das Illas Atlánticas e de alumnado da Escola Superior de Conservación e Restauración e Bens Culturais de Galicia, que puideron coñecer de primeira man o desenvolvemento da investigacións. Co remate desta fase, o Castelo dos Mouros continúa revelando novas pezas da súa historia e consolídase como un dos espazos arqueolóxicos máis prometedores para comprender a presenza humana nas Illas Atlánticas ao longo dos distintos períodos históricos.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.