As Tanxugueiras celebran unha década de traxectoria cunha noite histórica no Coliseum

O público gozou dun repertorio que combinou os temas máis coñecidos da súa traxectoria coas novas composicións de "O Cuarto"
As Tanxugueiras no escenario do Coliseum | @TANXUGUEIRAS
As Tanxugueiras no escenario do Coliseum | @TANXUGUEIRAS

As Tanxugueiras volveron a demostrar que seguen a ser un dos grandes fenómenos musicais de Galicia. O Coliseum da Coruña rexistrou un cheo absoluto durante o concerto co que o grupo presentou ao público galego a súa nova etapa artística, marcada polo lanzamento de «O cuarto», o seu cuarto traballo discográfico. O recital converteuse tamén nunha celebración do décimo aniversario dunha carreira que levou a música tradicional galega a escenarios de todo o mundo.

O equipo das Tanxugueiras e os seus invitados antes de saír ao escenario | @TANXUGUEIRAS

Un repertorio cheo de éxitos e colaboracións especiais

A cita reuniu a miles de seguidores nun ambiente que mesturou foliada, concerto multitudinario e homenaxe colectiva á cultura galega. Dende as primeiras cancións, o público respondeu con entusiasmo a un repertorio que combinou algúns dos temas máis coñecidos da súa traxectoria coas novas composicións do disco, acompañadas nalgunha ocasión de artistas invitados no escenario, como Juancho Marqués, Baiuca, Caamaño Ameixeiras, María José Llergo ou Valeria.

As cantantes xunto con Juancho Marqués no escenario, un dos seus invitados | @TANXUGUEIRAS

O espectáculo estivo marcado pola carga emocional. As irmáns Olaia e Sabela Maneiro, xunto con Aida Tarrío, protagonizaron varios dos momentos máis intensos da noite, especialmente no tramo final do concerto. As artistas agradeceron o respaldo recibido ao longo destes dez anos e recoñeceron a importancia dunha cita que interpretaron como un punto de inflexión na súa carreira.

A conexión única entre o público e as artistas

A posta en escena apostou por unha produción que reforzou a conexión entre tradición e modernidade que caracteriza o proxecto das Tanxugueiras. Cantareiras, percusión tradicional, electrónica e elementos visuais conviviron nun espectáculo pensado para reivindicar as raíces culturais galegas.

O coliseum cheo durante o concerto das Tanxugueiras | @TANXUGUEIRAS

Co recinto entregado e unha despedida cargada de emoción, máis alá dos números e do éxito, a actuación confirmou o momento de madurez artística que atravesa o grupo. O Coliseum converteuse nun espazo onde o público e as artistas compartiron un momento que reflicte que a música galega continúa a conquistar novas xeracións sen renunciar á súa identidade.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.