Lalín busca converter o cocido galego en Ben de Interese Cultural

Lalín goza dunha das festas máis importantes en torno a este prato, a Feira do Cocido, recoñecida Festa de Interese Turístico Internacional
489422639_1246548710600345_4671510658139397243_n

O Concello de Lalín vén de presentar unha moción que se debatirá no seu próximo pleno de agosto onde queren pedir á Xunta que inicie os trámites para que o cocido galego sexa declarado Ben de Interese Cultural (BIC), dentro da categoría de patrimonio cultural inmaterial.

O cocido galego triunfa por todo o territorio pero está claro que o de Lalín esperta moito interese tanto dentro como fóra de Galicia. Tal e así que a súa Feira do Cocido foi declarada Festa de Interese Turístico Internacional no 2020. Esta festa está a piques de celebrar o seu sesaxésimo aniversario, no 2028 e dende o Concello queren que, un prato como o cocido galego, tan importante para a nosa gastronomía, goce de este distintivo. «Permitiría reforzar a súa protección, documentación, transmisión e posta en valor, garantindo a preservación dos seus elementos tradicionais», afirma o goberno lalinense.

A Feira do Cocido en Lalín / FEIRA DO COCIDO

Unha petición para a Xunta

A través desta moción, pídenlle á Xunta, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que inicien o proceso para declarar o Cocido Galego como BIC. Demandan a incoación e tramitación dun expediente que acade este fin «promovendo a elaboración da documentación necesaria, de conformidade ao establecido na Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia». De feito, o concello xa anunciou que de aceptarse isto, ofrecen a súa colaboración na preparación e envío da documentación para a memoria técnica. Así mesmo queren que durante a elaboración desta os representantes das distintas universidades galegas, especialistas en patrimonio cultural, e representantes do sector gastronómico, estén presentes.

Un prato con todo o necesario

O goberno lalinense ten claro que o prato cumpre con todos os requisitos para a declaración de BIC «ao integrar tradición, identidade, sociabilidade e transmisión xeracional». Destacan que «está vinculado a prácticas tradicionais como a matanza do porco; posúe unha forte dimensión identitaria e simbólica; integra unha rica diversidade territorial dentro dun marco común, mantén unha transmisión interxeracional continuada e constitúe unha manifestación cultural viva e socialmente recoñecida».

De feito, apuntan que o cocido galego ten unha tradición moi estudada e documentada por investigadores, antropólogos, etnógrafos ou escritores como Vicente Risco, Xaquín Lorenzo Xocas, Ramón Otero Pedrayo ou Álvaro Cunqueiro.

O Concello xa está pensando no futuro e pensan que a declaración de BIC do cocido galego facilitaría «promover unha candidatura á lista representativa do Patrimonio Inmaterial da Humanidade«. Consideran que é unha oportunidade clave para «recoñecer e protexer unha parte esencial da nosa identidade colectiva, da nosa memoria histórica e os coñecementos herdados ao longo de séculos».

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.