Rosa Ana García: «Para as mulleres que emprenden no rural é fundamental tecer redes de apoio»

A deputada de Emprego da Deputación da Coruña reivindica o emprendemento rural, o eixo central do encontro Alza Voz de Muller, que se celebra os días 8 e 9 de maio en Vimianzo
Alza Voz de Muller Vimianzo Deputación da Coruña Rosa Ana García Mónica Rodríguez

Vimianzo acollerá os días 8 e 9 de maio o encontro Alza Voz de Muller, unha iniciativa que pon o foco no emprendemento feminino no rural que conta co apoio da Deputación da Coruña. A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, apunta á «necesidade de crear redes de apoio que permitan ás mulleres avanzar con máis forza».

«É unha iniciativa moi interesante porque encaixa cos nosos obxectivos: fomentar o emprendemento, especialmente en concellos pequenos e zonas rurais”, explica a deputada, que relata como este encontro xorde a partir dunha proposta do Concello de Vimianzo que foi rapidamente acollida pola área de Emprego da Deputación: na súa primeira edición foi todo un éxito, reunindo a máis de cen mulleres.

Desigualdades persistentes no rural

A deputada subliña que o rural segue a enfrontar importantes desafíos, como o abandono da poboación e a falta de oportunidades laborais, unha situación que afecta de maneira especial ás mulleres. “Aínda queda moito camiño por percorrer para acadar a igualdade real: as mulleres continúan atopando máis dificultades, con maiores taxas de desemprego e problemas engadidos como a conciliación”, sinala.

Neste sentido, incide en que o sistema familiar segue a carecer dunha corresponsabilidade efectiva, o que limita as posibilidades de desenvolvemento profesional feminino. “Estas condicións lastran o avance cara á igualdade no rural”, afirma.

Para facer fronte a esta realidade, a Deputación aposta por políticas transversais a través do Plan de Emprego Local (PEL), no que se prioriza a contratación de mulleres e se impulsa o seu protagonismo en espazos como a rede de coworking. “Damos prioridade ao emprendemento feminino e apoiamos eventos coma este, que contribúen a dar visibilidade e crear oportunidades”, engade.

A importancia de crear redes

García tamén destaca o valor destes encontros como espazos de inspiración e aprendizaxe. “Ver experiencias similares ás túas, coñecer casos de éxito e compartir vivencias anima a seguir loitando”, asegura.

E insiste nunha idea clave: “Para as mulleres que emprenden no rural é importante tecer redes, non sentirse soas, coñecer persoas e compartir inquedanzas”.

O Encontro Alza Voz de Muller

O encontro Alza Voz de Muller celebrarase os días 8 e 9 de maio en Vimianzo, consolidándose como un espazo de referencia para o liderado feminino, o emprendemento e a igualdade no rural.

Organizado polo Concello de Vimianzo coa colaboración da Deputación da Coruña, o foro regresa tras o éxito da súa primeira edición, que reuniu a máis dun cento de participantes de toda Galicia. Nesta ocasión, amplía formato e programación, combinando relatorios, mesas de diálogo e talleres experienciais.

A xornada do venres 8 arrancará cunha reflexión inicial sobre a necesidade de crear espazos como este, seguida da ponencia inaugural de Nuria Varela, quen abordará o esgotamento colectivo e as respostas compartidas fronte aos desafíos estruturais.

Ao longo da tarde desenvolveranse mesas centradas nas barreiras invisibles no emprego e no emprendemento e nas dificultades de emprender desde o rural.

Un programa centrado na acción e nas alianzas

O sábado 9 concentrará boa parte da programación, con debates sobre o papel das mulleres na política, a visibilidade dixital ou o custo de liderar sendo muller. Participarán voces destacadas como Gemma Fillol e Nuria Robleño. Como novidade, incluiranse talleres experienciais orientados á participación activa e á creación de vínculos, pechando o foro cunha dinámica colectiva centrada en fortalecer redes e alianzas.

Desde a organización destacan que o obxectivo é claro: pasar da reflexión á acción, visibilizando as barreiras estruturais que afectan ás mulleres e xerando ferramentas colectivas para afrontalas desde o territorio. Así, Alza Voz de Muller reafírmase como unha cita clave para impulsar o liderado feminino no rural galego e avanzar cara a unha igualdade real.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.