Xunta e Goberno central asinan a segunda cesión de competencias a Galicia dende 2008

A comunidade asumirá ao longo dos primeiros meses de 2027 a xestión das autorizacións iniciais de traballo para persoas estranxeiras e de 40 aeródromos e heliportos
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, no acto de cesión de transferencias | XUNTA DE GALICIA
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, no acto de cesión de transferencias | XUNTA DE GALICIA
PUBLICIDAD

A Xunta de Galicia e o Goberno central formalizaron este xoves en Santiago de Compostela o traspaso de dúas novas competencias á comunidade autónoma: a xestión das autorizacións iniciais de traballo para persoas estranxeiras e a ordenación dos aeródromos e heliportos que non están considerados de interese xeral. O acordo supón a segunda transferencia de novas competencias dende 2008, despois de que Galicia asumise a xestión do litoral o pasado ano.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, participaron na reunión da Comisión Mixta de Transferencias, o órgano integrado por representantes das dúas administracións encargado de concretar estes acordos. As novas atribucións entrarán en vigor de maneira progresiva ao longo dos primeiros meses de 2027.

Autorizacións iniciais de traballo para persoas estranxeiras

Coa transferencia das autorizacións iniciais de traballo, Galicia poderá tramitar e resolver os permisos que soliciten as persoas estranxeiras para traballar por conta propia ou allea na comunidade. A medida permitirá á Administración autonómica intervir directamente nun procedemento vinculado á incorporación de traballadores ao mercado laboral galego, aínda que o Estado conservará as competencias sobre as autorizacións de residencia.

O traspaso farase efectivo en marzo de 2027 e incluirá unha dotación económica de 150.000 euros, cinco postos de persoal vacantes que cubrirá a Xunta cos seus propios recursos e un espazo de oficinas de 14 metros cadrados.

A nova competencia encaixa coa estratexia do Executivo galego para facilitar a chegada de profesionais e atender as necesidades de contratación das empresas. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, defendera previamente que a medida contribuirá ao «fortalecemento do mercado laboral», ao permitir unha maior coordinación dos trámites e das políticas autonómicas de captación de talento.

Galicia asumirá a ordenación de 40 aeródromos e heliportos

A segunda competencia transferida afecta a 40 instalacións aeronáuticas distribuídas polo territorio galego, que seguirán mantendo a súa titularidade actual. Delas, 36 son públicas e prestan servizos relacionados principalmente coa extinción de incendios forestais, o transporte sanitario e o salvamento marítimo. As outras catro son privadas e están vinculadas a actividades como a formación de pilotos, os voos deportivos ou a aviación xeral.

A partir do 1 de xaneiro de 2027, a Xunta poderá autorizar os proxectos de construción ou modificación destas instalacións, aprobar a súa apertura ao tráfico e exercer as funcións de ordenación que lle correspondan.

O Estado, pola súa banda, conservará atribucións como o control do tráfico aéreo e a inspección en materia de seguridade, que continuará baixo a responsabilidade da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA). A transferencia tampouco afectará aos tres aeroportos comerciais galegos: Alvedro, na Coruña; Rosalía de Castro, en Santiago; e Peinador, en Vigo.

Neste caso, o traspaso estará acompañado dunha achega estatal de 9.200 euros.

A segunda ampliación do autogoberno en 17 anos

Os novos acordos chegan despois dun longo período sen transferencias de novas competencias a Galicia. Entre 2008 e 2025 non se materializou ningún novo traspaso deste tipo, unha etapa que abrangue os case trece anos de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta.

A situación cambiou en abril de 2025, cando o Goberno central e o autonómico formalizaron a transferencia da xestión do litoral. Aquel acordo chegou despois de anos de discrepancias entre as dúas administracións e dunha resolución do Tribunal Constitucional que avalou a normativa galega sobre a costa. A Xunta comezou a exercer plenamente esas competencias en xullo do mesmo ano.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, no acto de cesión de transferencias | XUNTA DE GALICIA

A diferenza do sucedido coa xestión do litoral, as dúas novas transferencias partiron dunha disposición favorable de ambas as administracións, aínda que as negociacións avanzaron máis lentamente do previsto. Rueda e Torres destacaron a «colaboración institucional» que permitiu pechar os acordos.

Con estas incorporacións, Galicia sumará tres novas competencias transferidas durante a presidencia de Alfonso Rueda e o mandato de Pedro Sánchez no Goberno central, todas elas formalizadas dende 2025.

A ampliación do autogoberno deixa, con todo, outras cuestións pendentes. Entre elas figura a transferencia da autoestrada AP-9, sobre a que Xunta e Goberno central manteñen posicións afastadas. Torres recoñeceu que se trata de «una negociación compleja» e descartou que poida alcanzarse un acordo a curto prazo.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.