A Deputación de Lugo aprobou un novo paquete de investimentos que supera os 526.000 euros co obxectivo de reforzar servizos públicos, mellorar infraestruturas municipais e apoiar a celebración de eventos de relevancia social, deportiva e cultural. As actuacións beneficiarán a varios concellos da provincia e inclúen desde proxectos destinados á atención das persoas maiores ata iniciativas de promoción turística e dinamización económica.
Entre as medidas aprobadas figuran actuacións para acondicionar vías e espazos públicos, a posta en marcha de novos servizos municipais e o respaldo a eventos que atraen visitantes e actividade económica. A maior partida individual será para o Resurrection Fest de Viveiro, mentres que tamén recibirán apoio competicións deportivas e encontros culturais previstos para os próximos meses.
Melloras en servizos e infraestructuras municipais
Barreiros contará con máis de 40.000 euros para dotarse de novo material informático e impulsar un servizo de podoloxía dirixido ás persoas maiores. Pola súa banda, Castroverde recibirá 250.000 euros para acondicionar camiños e estradas locais, renovar o Campo da Festa e instalar unha pista deportiva para fútbol sala.
En Sarria, a colaboración provincial permitirá reforzar as Xornadas Xurídicas Román García Varela, unha cita consolidada que reúne profesionais e especialistas do ámbito legal.
Unha aposta polos eventos de identidade
A provincia será escenario de varias citas deportivas de alcance estatal e internacional. Lugo acollerá en xullo o Campionato de España de Barco Dragón, que reunirá centos de deportistas de todo o país, mentres que Burela converterase nun punto de encontro para seguir o partido entre España e Cabo Verde do Mundial de fútbol 2026 a través dunha ampla programación de actividades culturais e de lecer.
Ademais, Burela acollerá durante o mes de setembro unha nova edición do Iberdrola Surfing Day, unha iniciativa que combinará actividades deportivas, formativas e divulgativas arredor do mundo do surf. A xornada busca achegar este deporte á cidadanía, fomentar hábitos de vida saudables e poñer en valor os recursos naturais e deportivos da costa lucense.
O evento contará con diferentes propostas dirixidas a públicos de todas as idades e contribuirá tamén á promoción de Burela como destino vinculado aos deportes náuticos, reforzando a súa proxección turística e a dinamización da actividade local.
O Resurrection Fest, un imperdible na Mariña
O Resurrection Fest volverá contar co apoio económico da Deputación cunha achega de 150.000 euros. O festival, que cada verán atrae milleiros de asistentes a Viveiro chegados de distintos puntos de España e do estranxeiro, consolídase como un dos principais escaparates culturais e turísticos da provincia e como un dos eventos musicais máis destacados do panorama estatal.

A cita, especializada nos estilos rock e metal, converte durante varios días a localidade mariñá nun importante foco de actividade económica, cun notable impacto na hostalaría, o comercio e os servizos da contorna. Ademais da súa repercusión musical, o festival contribúe á proxección exterior da provincia de Lugo, situándoa no mapa dos grandes eventos culturais e favorecendo a chegada de visitantes nun dos períodos de maior afluencia turística do ano.