García Porto demanda que «o alcalde de Antas tratou de facer nun día o que non fixo en 24 anos»

O rexedor levou ao pleno acordos para a adquisición por parte do Concello da Casa da Hermadade e da antiga Casa Cuartel da Garda Civil
Pilar García Porto
Pilar García Porto

“Acércanse as eleccións municipais e o alcalde caeu na conta de que ten os deberes sen facer”. Así definiu a voceira socialista de Antas de Ulla, Pilar García Porto, a decisión do rexedor de levar ao Pleno celebrado este xoves acordos para a adquisición por parte do Concello da Casa da Hermadade, da antiga Casa Cuartel da Garda Civil e dunha parcela en Vilane, e para a desafectación das aulas da gardería situadas no recinto do colexio público.

“Tratou á desesperada de facer nun día o que non fixo nin neste mandato, nin nos 24 anos que leva gobernando. Pero iso é imposible, o resultado da súa desidia durante todo este tempo xa non o pode tapar nin con fogos de artificiocoma estes, nin con nada”. “Non é crible”, incidiu García Porto. “Primeiro porque, de querer realmente sacar adiante todas estas medidas, empezaría, como mínimo ó principio do mandato e hoxe teríamos resultados.»

Os socialistas votaron a favor nestes catro puntos porque “si que temos un proxecto de futuro para Antas de Ulla, e temos a capacidade, a experiencia de xestión e o diálogo necesario con outras administracións para poder sacar adiante todo o que queremos facer, por exemplo, na Casa Cuartel e na Casa da Hermandade, pero tamén nas casas escola”. Así, a voceira expuxo a necesidade de contar con estes inmobles para “locais para un centro de día, para as asociacións, a convivencia dos maiores ou vivendas sociais”.

Como mostra de que o alcalde “intenta salvar os mobles cando estamos na conta atrás para acabar o mandato”, a voceira do PSdeG lembrou que o acordo plenario para comprar a Casa da Hermandade xa se tomou no ano 2014, sen que logo se materializara a compra, nin se dera ningún paso de cara a conseguilo. De feito, o último documento que figura ó respecto nas oficinas municipais é un escrito da Xunta de Galicia do ano 2019 no que lle pregunta ó Concello se quere ou non este inmoble.

Pilar García Porto aportou outro dato “preocupante” froito da mala xestión do alcalde, como é que o Concello “non teña de liquidez nin sequera os 20.000€” que costa este inmoble e se vexa obrigado a un pago plurianual. En canto ó Cuartel da Garda Civil, o Alcalde “dixo que tiña negociacións feitas, pero quedou en evidencia no Pleno que non sabe nin que entidade é a titular do edificio”.

O Pleno aprobou hoxe, co voto a favor do PSdeG, a aprobación provisional da desafectación das aulas da gardería existentes no recinto do colexio público, e os socialistas esperan que se faga efectiva cando antes porque “é unha medida que levamos moito tempo reclamando, e moi esperada pola comunidade educativa e as familias”.

Relacionadas