A Deputación de Lugo investirá preto de 500.000 euros na mellora de catro estradas provinciais situadas nos concellos de Burela, Rábade e Trabada. A actuación inclúe a licitación de dous proxectos e a adxudicación dun terceiro, co obxectivo de renovar o firme, mellorar a drenaxe e reforzar a seguridade viaria en distintos treitos da rede provincial.
Novas actuacións na rede viaria
En Burela destinaranse 290.599 euros á rehabilitación de dúas vías. Os traballos levaranse a cabo na LU-P-1510, entre o límite con Cervo e a Avenida da Mariña, e na LU-P-1502, desde a Casa Cuartel da Garda Civil ata o cemiterio municipal. As actuacións inclúen a limpeza e acondicionamento de cunetas, a renovación do pavimento con aglomerado en quente e a mellora da sinalización.
En Rábade, a Deputación actuará sobre os primeiros 300 metros da LU-P-5101, a estrada que comunica o municipio con Friol. Cun investimento de 68.000 euros, o proxecto contempla a renovación do firme e a instalación dunha rigola xunto ás beirarrúas para mellorar a evacuación das augas pluviais.
Renovación completa da estrada de Sante
A Xunta de Goberno tamén adxudicou as obras do treito inicial da LU-P-6101, a estrada que comunica Trabadela e A Ría por Sante, no concello de Trabada. A actuación, adxudicada á empresa Desarrollos y Metas SL por 135.670 euros, permitirá completar a rexeneración integral desta vía, na que a Deputación leva investidos máis de 400.000 euros nos últimos anos.
As tres actuacións terán un prazo de execución de catro meses e incluirán a renovación do pavimento, a apertura de cunetas e a reposición da sinalización.
Nova maquinaria para o mantemento das estradas
Ademais destas actuacións na rede viaria, a Deputación adxudicou a adquisición dunha nova compactadora tándem para o Parque Móbil provincial por 87.503 euros. A máquina empregarase nos labores de mantemento e reparación das estradas, facilitando a compactación do firme nas diferentes actuacións que se leven a cabo na rede provincial.

