Hai, non sei, uns trece anos xa. Viñamos de Foz, de ver ao teu fillo, que estaba de vacacións cos teus ex sogros. Eu coñecéraos esa tarde. Viñamos ben, aínda que, ti, algo remexida polo breve encontro. E paramos nunha praia. Sei o nome, pero non o vou dicir. Non me pareceu moi bonita, pero era esa hora da fin da tarde, un pouco antes do solpor, e estaba baleira e tranquila. Tamén o mar.
Dixéchesme que antes iades alí ás veces. E que che gustaba. Xa estabas máis contenta.
Entón, desnudácheste. Era nudista. Ríaste. Eu non me atrevín e deixei o bañador. Non facía calor e quedamos na area. E ti puxécheste a lanzar pedras á auga, para facelas rebotar. E eu tamén. Non se che daba moi ben –non se che da, a verdade-, pero encantábache. E rías.
Eu non entendía ben de todo. Tan racional. Pero estaba asombrado, e pouco a pouco funme marabillando contigo, coa túa ledicia. Tan espontánea, tan xenuína.
E mirabas para min, e rías sen parar, cada vez máis contenta. Estabas moi guapa. E, aínda que tiñas cara de nena, o corpo era o teu. E eu, cando te xirabas para tirar, non daba crédito, e cando volvías mirar, sorría pasmado.
E rías todo o tempo. Porque eras feliz. De estar alí con quen querías. E tamén eu tiven que selo. Tan feliz por un intre, a pesares da incerteza, do medo daqueles tempos. A túa risa abríndose paso entre os nubeiros e iluminándonos.
Hai, non sei, uns trece anos. As cousas fóronse amañando. Case todas. E aquí seguimos, xuntos e cunha familia ao redor.
Pero o que non debería pasar, o que non teríamos que deixar que pasase, é que xa non rías así. Que aquela risa e aquela alegría sexan cousas de antes, do principio. Que o costume de estar con quen queremos lle quite valor.
Porque, se aquel día tivemos a sorte dun momento único, agora temos a de estar xuntos, a de ter unha vida, a vida que queremos para nós. E iso tería que facernos rir, contentos, como cando tirabas pedras, núa, tan guapa, tan feliz, naquela praia.
Discussion about this post