A Deputación da Coruña vén de adxudicar a adquisición dos inmobles que acollerán as súas novas sedes institucionais en Santiago de Compostela e Ferrol, dúas actuacións coas que a institución provincial dá un novo paso na súa estratexia de descentralización, modernización dos servizos e maior proximidade á cidadanía.
As operacións suman un investimento de 1.780.000 euros: 850.000 euros pola compra do antigo local da Cámara de Comercio de Santiago, situado na rúa San Pedro Mezonzo, e 930.000 euros pola adquisición do antigo edificio de Banesto en Ferrol, emprazado na esquina da rúa Rubalcava coa rúa Magdalena, no barrio da Magdalena.
En ambos casos, as adxudicacións realizáronse por baixo do orzamento máximo previsto. No caso de Santiago, a compra supón un aforro de 275.300 euros respecto da licitación inicial, fixada en 1.125.300 euros. En Ferrol, a adquisición do inmoble representa un aforro de 195.300 euros. En conxunto, a Deputación aforra 470.600 euros sobre o importe máximo previsto para ambas operacións.
Dúas novas sedes fóra da cidade da Coruña
As futuras sedes de Santiago e Ferrol serán as primeiras que a Deputación abra fóra da cidade da Coruña, dentro dunha folla de ruta que busca reforzar a presenza da institución no territorio e facilitar unha relación máis directa coa cidadanía, os concellos, as entidades sociais e o tecido económico.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou que estas actuacións forman parte da aposta do goberno provincial por “achegar a Deputación á cidadanía, ofrecer servizos útiles e abrir a institución á actividade económica, social e cultural”.
Formoso subliñou tamén que os novos espazos permitirán mellorar a atención pública e avanzar cara a unha administración “máis cercana, máis accesible e máis útil”.
Santiago: unha sede no Ensanche, a 200 metros da intermodal
En Santiago de Compostela, a Deputación adquiriu á Cámara de Comercio de Santiago o local situado no número 44 baixo da rúa San Pedro Mezonzo, no Ensanche compostelán. Trátase dun inmoble céntrico, nunha zona de elevada actividade comercial e administrativa, situado a uns 200 metros da estación intermodal Santiago de Compostela-Daniel Castelao.
A memoria técnica destaca tamén a existencia de paradas de transporte urbano no contorno inmediato, a máis próxima a 90 metros, así como a boa dispoñibilidade de aparcadoiros públicos nas proximidades.
O local conta cunha superficie rexistral de 835 metros cadrados e unha superficie catastral de 874 metros cadrados. Ocupa integramente a planta baixa do edificio, ten acceso directo desde a rúa San Pedro Mezonzo e dispón xa dun itinerario accesible sen barreiras arquitectónicas. Ademais, segundo a documentación técnica, atópase acondicionado, con fachada rematada, acabados interiores en bo estado e conexión ás redes de electricidade, auga potable, saneamento e telecomunicacións.
A futura sede compostelá acollerá a oficina de recadación tributaria de Santiago, un espazo de traballo colaborativo ou coworking, sala de reunións, auditorio, aula de formación e dependencias institucionais para actos, encontros e presentacións.
A zona de recadación disporá de máis de 200 metros cadrados, con área de espera pública, espazo de atención e traballo con capacidade para 17 postos e despacho independente para a xefatura de zona. O inmoble contará tamén con zona de arquivo e almacén, aseos accesibles, unha sala de reunións de arredor de 39 metros cadrados, un auditorio e aula de formación de máis de 110 metros cadrados e un espazo institucional duns 90 metros cadrados.
Ferrol: recuperación dun edificio histórico no barrio da Magdalena
En Ferrol, a Deputación adquiriu á empresa Nuvoo 21 S.L. o antigo edificio de Banesto, situado no número 12 da rúa Rubalcava, na esquina coa rúa Magdalena. O inmoble, construído en 1950, conta cunha superficie total de 1.147 metros cadrados construídos e 964 metros cadrados útiles, distribuídos en planta semisoto, planta baixa, dúas plantas altas e baixo cuberta.
A compra permitirá recuperar para uso público un edificio histórico situado nun emprazamento céntrico do barrio da Magdalena. O inmoble está catalogado dentro do Plan Especial de Protección e Rehabilitación do barrio como edificio de características singulares, aínda que os informes técnicos incorporados ao expediente sinalan que as obras necesarias para a súa adaptación ao uso dotacional previsto están permitidas polo seu nivel de protección.
A nova sede ferrolá integrará servizos administrativos e tributarios, así como usos vinculados á actividade económica, cultural e social. O proxecto prevé habilitar unha oficina tributaria, un espazo de coworking integrado na rede provincial, salas de reunións, auditorio, aula de formación e espazos para actividades públicas e usos institucionais.
A área de recadación terá arredor de 200 metros cadrados, con zona de espera, espazo de atención ao público e traballo, despacho independente para a xefatura de zona, almacén, arquivo, aseos accesibles e dependencias auxiliares. Tamén se prevé crear un espazo de traballo colaborativo duns 100 metros cadrados, unha sala de reunións e un auditorio ou aula de formación con capacidade para arredor de 75 persoas.
Entre os elementos destacados do edificio figuran o seu bo estado de conservación, a iluminación e ventilación natural en todas as plantas, a dobre fachada e a existencia dunha gran dobre altura interior entre a planta baixa e a primeira, o que ofrece amplas posibilidades para a súa adaptación aos novos usos públicos.
“Un compromiso cumprido con Ferrol”
Formoso destacou que a nova sede ferrolá “é un compromiso cumprido con Ferrol” e afirmou que “a Deputación quere estar máis presente na cidade, con servizos útiles para a cidadanía e cun edificio que tamén poida contribuír á dinamización social, cultural e económica”.
O presidente provincial lembrou que este proxecto se enmarca na aposta da Deputación por Ferrol e pola súa comarca, onde a institución vén desenvolvendo investimentos en ámbitos como as infraestruturas viarias, os equipamentos sociais, o deporte ou a cultura.
“Con esta nova sede, a Deputación estará máis próxima e será máis visible e máis útil para a cidadanía de Ferrol e de toda a comarca. A sede vai permitir mellorar a atención á cidadanía e reforzar os servizos provinciais”, afirmou.
Novos espazos para servizos públicos e actividade social
A partir de agora, a Deputación iniciará os trámites necesarios para executar as obras de acondicionamento e reforma interior dos dous inmobles, co obxectivo de adaptalos ás necesidades da institución provincial e aos usos previstos.
As sedes de Santiago e Ferrol combinarán funcións administrativas, atención tributaria, espazos institucionais e novos servizos vinculados á actividade económica e social, como os coworking, auditorios e aulas de formación. Con ambas actuacións, a Deputación busca reforzar a súa presenza no territorio e achegar os servizos provinciais a dous dos principais núcleos urbanos da provincia.

