A presenza da macroalga tropical invasora Asparagopsis taxiformis foi confirmada por primeira vez nas costas de Galicia, segundo un estudo desenvolvidopor un equipo internacional encabezado por persoal investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC). O estudo foi publicado na revista especializada BioInvasions Records e contou coa participación de investigadores de diversos centros nacionais, entre eles o IFAPA Centro El Toruño, o Marine Research Institute da Universidade de Cádiz e a Universidade de Málaga, ademais do propio IEO-CSIC.

A investigación tivo a súa orixe na localización dun exemplar nas Rías Baixas durante o ano 2025. A partir destes análies xenéticas realizadas posteriormente, os científicos determinaron que pertence ao denominado linaxe 2, unha variante considerada especialmente invasora pola súa capacidade de adaptación a diferentes condicións ambientais. É habitual nas zonas cálidas do Atlántico e no Indo Pacífico e o seu carácter invasor xa se constatou sobre os fondos rocosos das Illas Baleares, Andalucía, Mucia, Valencia e agora Barcelona.
Os investigadores sinalan que a chegada desta macroalga ás augas galegas podería estar vinculada a dous factores principais: o aumento progresivo da temperatura do mar e a influencia das actividades humanas, que favorecen o transporte e asentamento de especies exóticas fóra da súa área natural. A ausencia de estruturas reprodutoras nos exemplares analizados fai pensar que a especie aínda non está plenamente establecida, pero a súa elevada tolerancia ambiental podería facilitar a súa supervivencia e expansión no futuro.

Alértase sobre a posibilidade dunha «coinvasión» con outras especies exóticas xa presentes ou recentemente detectadas na costa galega como a Rugulopteryx okamurae, unha alga invasora que xa provocou alteracións ecolóxicas noutras zonas da península. Segundo os investigadores, a convivencia de varias especies nun mesmo ecosistema pode incrementar os seus efectos sobre os hábitats mariños autóctonos.
O traballo científico subliña, por iso, a necesidade de reforzar programas de seguimento ambiental e detección temperá. Os expertos consideran fundamental manter unha vixilancia continuada para avaliar a evolución desta macroalga e anticipar posibles impactos sobre os ecosistemas mariños galegos.
