Este pasado martes, 30 de xuño, o concurso «Sete cidades, sete sabores» elixiu ao Mellor Cociñeiro de Tapas de 2026: o chef Rodrigo Seoane de ArteSana Gastrobar en Santiago de Compostela. Entre as sete tapas presentadas, unha por cada cidade galega, o seu petisco ‘Castelo de Rocha’ foi o gañador.
Público e xurado, unidos por unha clara elección
Afincado no ArteSana Gastrobar de Santiago de Compostela, o compostelán Rodrigo Seoane conseguiu non só o voto do xurado do certame senón tamén o do xurado popular que se atopaba na gala, que empregou un sistema de televotación.
Tras traballar durante catorce anos en distintos hoteis nas Baleares, o chef regresou a Galicia para traballar coa chef compostelá Lucía Freitas e mais tarde converterse no xefe de cociña de ArteSana. Coa sua tapa, Castelo de Rocha, quixo render homenaxe á súa aldea, A Rocha. E tamén á súa avoa, amosando como a innovación na cociña pode convivir coa memoria e tradición.

O petisco parte dun estofado tradicional de coello cociñado ata conseguir unha textura melosa e presentado co formato ducha gyoza ao vapor. Isto elévase cunha salsa reducida con notas cítrícas de yuzu e follas de limón, unha escuma de charouvía e otoque das sete especias xaponesas. Unha completa explosión de sabor.
ArteSana Gastrobar trátase dun espacio onde a gastronomía é asociada directamente coa emoción, de aí que busquen que todos os visitantes do restaurante teñan unha experiencia imaxinativa e sorprendente. O restaurante fixérase o ano pasado co primeiro premio do público no certame «Santiago (é) Tapas» e o primeiro do xurado pola súa famosa croqueta.
Sete representantes das sete cidades
A cita, que foi organizada por Turismo de Galicia, reunía a sete representantes das cidades galegas para competir pola súa tapa. En Ferrol tiñamos a Adrián Pérez de Sinxelo; na Coruña a Carlos Montes de La Sinfonía Gastrobar; en Pontevedra a Rubén González de El Cafetín de La Alameda; en Vigo a Rebeca Guede de La Orensana; a Beatriz Alcalá de La Zapatería del Abuelo en Ourense e Jose Luis Pardo de El Boni en Lugo.

Cada un dos pratos de cada un dos participantes reivindica a calidade do produto galego e a súa capacidade de combinar a innovación e a tradición, tal e como inidicou Xosé Merelles, o director de Turismo de Galicia.
