Primeiro chegaron os bicos en Miami. Despois, o paseo por París, as compras na avenida Montaigne e esa discreción tan particular que consiste en ir collidos da man por unha das rúas máis fotografadas de Europa. A relación entre Kylian Mbappé e Ester Expósito xa non vive exactamente no terreo do segredo, aínda que os protagonistas sigan sen cubrir o trámite do comunicado oficial. Tras os Estados Unidos e Francia, a seguinte parada podería estar bastante máis ao norte e ser moito máis definitiva: O Naseiro, en Viveiro.
A hipótese nace dunha frase pronunciada pola propia Expósito en El Hormiguero en setembro do pasado ano. A actriz contou que xa levara anteriores parellas a outras festas viveirenses, pero nunca á romaría máis persoal dos seus veráns. «Cando leve unha parella a esas festas, xa vai ser definitivo», asegurou. Viveiro admite presentacións; Naseiro xa xoga noutra categoría.
Para a intérprete, a romaría son varios días de casetas, familia, amigos de sempre e unha convivencia na que resulta difícil manter imposturas. As casetas do val do Landro, ademais, pouco teñen que envexar ás mansións de Miami: ofrecen comida, música, sobremesas sen présa e amizades de toda a vida. As mansións, probablemente, teñen máis baños.
En Naseiro cada grupo ten a súa caseta, a súa mesa e as súas propias normas de acceso. Alí non serve reservar co nome do representante: hai que vir recomendado. En París, Mbappé é unha estrela mundial. En Naseiro sería o acompañante de Ester. E iso pode resultar bastante máis esixente.
Antes de dar a operación por feita, con todo, a loxística obriga a consultar o calendario deportivo. Francia quedou eliminada do Mundial o 14 de xullo, tras perder por 2-0 contra España nas semifinais, deixando o dianteiro cun descanso limitado antes de regresar ao Real Madrid.
O Real Madrid iniciou a pretemporada o 13 de xullo con José Mourinho, pero mundialistas como Mbappé non se incorporan ata o 10 de agosto. Como O Naseiro se celebra do 21 ao 26, o calendario está moi axustado: cando empece a romaría, o dianteiro levará apenas dez días adestrando co técnico portugués.
Desaparecer cinco días de Valdebebas é imposible, pero unha visita exprés é moito máis realista. A festa dura seis xornadas, tempo suficiente para aproveitar un día libre, asumir que a discreción está perdida de antemán e facer unha escapada rápida á Mariña lucense.
O verdadeiro reto será convencer a Mourinho de que a verbena e a cociña galega forman parte dunha boa recuperación física. En Viveiro a porta segue aberta: se despois de Miami e París a parella aparece no val do Landro, a noticia non será que unha estrela do fútbol descubriu O Naseiro; a noticia será que Ester Expósito atopou o verdadeiro amor.
