Os restos romanos do Castro de Alobre gañan vida nun novo proxecto de musealización en Vilagarcía

O Concello inicia o proxecto para integrar os novos achados romanos no conxunto histórico e natural da zona de Valle-Inclán
Restos romanos do Castro de Alobre | Concello de Vilagarcía
Restos romanos do Castro de Alobre | Concello de Vilagarcía

O Castro de Alobre está cada vez máis preto de consolidarse como un dos grandes espazos arqueolóxicos visitables de Vilagarcía. O Concello vén de iniciar os trámites para musealizar os últimos achados aparecidos na contorna, entre eles unha cetaria romana e a antiga porta marítima do xacemento, co obxectivo de integralos nun futuro parque arqueolóxico aberto á cidadanía.

O proxecto foi adxudicado á empresa especializada Citania Arqueoloxía, responsable tamén dos traballos previos de control e escavación na zona, o que permitirá dar continuidade ao coñecemento técnico do xacemento. A redacción do proxecto contará cun prazo de tres meses e un orzamento próximo aos 1.000 euros.

A actuación enmárcase na estratexia municipal de posta en valor do patrimonio histórico, coa intención de combinar conservación, investigación e apertura ao público dun espazo único pola súa relevancia arqueolóxica e pola súa localización privilexiada no centro urbano.

Un xacemento que conecta historia e cidade

A intervención desenvolverase na contorna situada entre a avenida Valle-Inclán, o parque Enrique Valdés Bermejo e a zona do Montiño, onde se localiza o asentamento castrexo. A superficie a musealizar supera os 1.000 metros cadrados, ampliada tras a aparición da porta marítima, un elemento clave para comprender a relación do poboado co mar.

Imaxe do Castro de Alobre durante os traballos de restauración | Concello de Vilagarcía

Os novos traballos permitirán integrar os restos arqueolóxicos no conxunto formado polo xardín botánico e o propio Castro de Alobre, creando un percorrido continuo que facilite o acceso dos visitantes e conecte distintos espazos naturais e históricos da zona. Está previsto habilitar itinerarios de comunicación entre áreas, co obxectivo de ofrecer unha experiencia de visita máis completa e facilitar a interpretación do xacemento no seu conxunto.

Unha factoría romana e unha porta ao mar

Os achados recentemente documentados inclúen estruturas vinculadas a unha antiga cetaria romana, relacionada coa produción e conservación de peixe, así como a porta marítima do asentamento, que servía como acceso directo ao enclave desde a ría.

Estes elementos súmanse a outros restos xa coñecidos do Castro de Alobre, onde se teñen documentado vestixios de ocupación entre os séculos I a.C. e IV d.C., ademais de evidencias de actividade comercial de longa distancia, como ánforas de procedencias diversas e materiais de orixe mediterránea.

Infografía do xacemento romando de Arealonga e Castro de Alobre | Concello de Vilagarcía

A presenza dunha ara romana dedicada a Neptuno e os restos dunha necrópole reforzan a importancia histórica do xacemento, que combina ocupación castrexa e romanización nun mesmo espazo.

Un proxecto para abrir a historia á cidadanía

A musealización forma parte dunha liña de traballo do Concello centrada na recuperación e difusión do patrimonio cultural de Vilagarcía. O obxectivo é que o Castro de Alobre deixe de ser só un espazo de investigación arqueolóxica para converterse nun recurso cultural e turístico plenamente accesible.

O proxecto pretende tamén achegar á veciñanza a historia das orixes da cidade, ao tempo que se reforza a creación dun atractivo turístico vinculado ao patrimonio e ao medio natural. Coa incorporación destes novos elementos, o Castro de Alobre dá un paso máis cara á súa configuración como un gran parque arqueolóxico urbano, onde historia, natureza e cidade conviven nun mesmo espazo.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.