O Concello e a Asociación de Comerciantes de Narón impulsan a campaña “Merca en Narón. Facemos cidade”

A promoción incluirá 1.000 carteis, 5.000 pegatinas, 5.000 bolsas de compra reutilizables e varios vídeos promocionais nas redes sociais
Campaña comercio Narón

O Concello anunciou hoxe o inicio dunha campaña dirixida ao comercio local, centrada na reactivación do sector nos actuais tempos de crise sanitaria. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Promoción Económica, David Pita, presentaron a imaxe da campaña, o merchandising e o primeiro vídeo promocional xunto con Mariá Yáñez e Vanesa Maseda, presidenta e vicepresidenta, respectivamente, da Asociación de Comerciantes de Narón (ACN).

A campaña deseñouse atendendo ás necesidades que plantexaron os propios comerciantes, que amosaron o seu interese en adherirse á mesma. Ferreiro anunciou que “Merca en Narón. Facemos cidade” é o lema desta campaña para fomentar as compras no comercio de proximidade e anunciou que a partir desta fin de semana se comezarán a identificar os comercios participantes, con 1.000 carteis; 5.000 pegatinas e donde se repartirán 5.000 bolsas de compra reutilizables, dispoñendo tamén de dous photocalls. A maiores, co fin de dar difusión, dende hoxe mesmo poderase ver no Facebook do Concello –a partir das 14.00 horas- e a través das diferentes redes sociais e a web da Asociación de Comerciantes de Narón o primeiro dos tres vídeos promocionais da campaña.

“Para poder levar a cabo esta campaña estívose realizando un traballo de campo previo, analizando máis de 160 establecementos comerciais da cidade para coñecer de primeira man a situación do pequeno comercio”, explicou Ferreiro. Nese traballo analizáronse cuestións vencelladas aos profesionais que atenden os establecementos e tamén da actividade de cada un deles, a situación actual e o papel das administracións públicas na resposta ante a Covid-19, así como o grao de dixitalización no sector. “Nesas enquisas quedou patente a predisposición do sector, moi heteroxéneo, a traballar conxuntamente na implantación de medidas encamiñadas a axudar ao pequeno comercio e que se irán poñendo en marcha paulatinamente”, apuntou Ferreiro.

Así mesmo, o concelleiro de Promoción Económica destacou o traballo realizado conxuntamente co sector para “atraer clientela e dar maior visibilidade aos seus negocios a través dunha web que habilitaron dende a  Asociación de Comerciantes de Narón: www.mercaennaron.es, unha excelente ferramenta nestes tempos para vender e promocionarse”.

A presidenta da Asociación de Comerciantes de Narón animou ás empresas, autónomos e pymes da cidade a sumarse a esta plataforma dixital para poder vender os seus produtos e promocionar os seus negocios. “A xente non ten que ir a outro concello a mercar porque en Narón hai de todo”, recalcou Yáñez.

Os responsables de establecementos comerciais da cidade que non estean asociados á ACN poderán tamén dispoñer deste material promocional, debendo solicitalo no Concello –no entrechán-.

A alcaldesa e o edil de Promoción Económica destacaron a importancia desta campaña e animaron á cidadanía a realizar as súas compras nos comercios locais “cunha atención persoalizada e unha gran variedade de produtos de calidade”.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.