Neda implantará un programa de compostaxe doméstica co que reducir cada ano nun 5% os residuos orgánicos

A Administración local vén de recabar a colaboración económica da Xunta, a través da liña de axudas FEDER, para sufragar o programa
compost-elgan
PUBLICIDAD

O Concello de Neda implantará un programa de compostaxe doméstica co que estima reducir nun 5% os residuos orgánicos que van directamente ao colector verde. Un proxecto no que investirá 18.140 euros e que cofinanciará grazas á colaboración da Xunta de Galicia. Precisamente, a Consellería de Medio Ambiente confirmaba estes días a concesión dunha subvención no marco do programa FEDER 2014-2020, apoiando así o proxecto municipal presentado. O importe da axuda alcanzará o 70%, minimizando significativamente o investimento necesario para as arcas municipais.

O proxecto está pensado para a participación de 125 veciños e veciñas, que recibirán os correspondentes composteiros, aínda que no caso de constatarse maior demanda o Concello asumiría o custe dos recursos necesarios sempre que se cumprisen os requisitos establecidos.

Coa posta en marcha desta iniciativa, ademais de permitir a reciclaxe dos residuos en orixe, redúcense as cantidades de lixo a depositar nos contedores convencionais, cos conseguintes beneficios ambientais, económicos e sociais. En cuestión de cifras, co proxecto de compostaxe doméstica a implantar (destinado a 125 beneficiarios) evitaríase verter anualmente ao sistema aproximadamente 40 toneladas de biorresiduos, (un 5% dos residuos orgánicos que se xeran) acadando unha redución de 0,20 toneladas anuais de CO2.

Deste xeito, o proxecto buscará capacitar á poboación para a transformación de materia orgánica en compost; mellorar a eficacia da recollida selectiva mediante a separación previa da materia orgánica; reducir o volume de residuos que debe recoller o ente municipal, tanto os de xardín como os domésticos; concienciar á poboación sobre o papel que xoga a compostaxe na xestión dos residuos orgánicos, e aproveitar esta actuación como punto de partida para outros programas de educación ambiental.

Para iso, o programa contempla varias fases. A primeira, unha campaña de difusión que permita sensibilizar á veciñanza co desenvolvemento da técnica da autocompostaxe, así como que facilite a publicidade da iniciativa e a inscrición ás persoas participantes.

A segunda fase iniciarase tras a selección das persoas participantes, ofrecéndolles formación a cargo de persoal técnico especializado. Así mesmo, durante o proceso, contarán con asesoramento telefónico continuado para deste xeito poder resolver pequenas dúbidas que poidan acontecer. O seguemento do proceso de compostaxe realizarase a través de visitas “porta a porta” a cada un dos fogares participantes -visitas de control a cargo dos técnicos-. E, finalmente, análise de resultados.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.