O Concello de Ferrol elaborará un plan para aumentar a eficiencia enerxética

O pleno da corporación aprobou a memoria do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES), un programa que inclúe a elaboración dun inventario de emisións e medidas para, entre outros aspectos, reducir o consumo de enerxía
Concello de Ferrol
Concello de Ferrol
PUBLICIDAD

O pleno da corporación municipal aprobou onte en sesión extraordinaria a proposta de aprobación da memoria do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES) do Concello. O documento está enmarcado no Pacto dos Alcaldes, ao que Ferrol se adheriu en marzo de 2019, e supón un instrumento para a administración local encamiñado a lograr dous obxectivos.

O primeiro, elaborar un inventario de emisións no municipio para obter unha diagnoses das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) como consecuencia do consumo de enerxía. En segundo lugar, definir as accións para minimizalas, aumentar a eficiencia enerxética, diminuír o consumo de enerxía e, polo tanto, mellorar a calidade do aire de Ferrol.

A memoria, que a concelleira de Medio Ambiente, Ana Lamas, presentou o mes pasado na comisión presentada pola concelleira recolle un plan de acción de mitigación e a adaptación ao cambio climático no ámbito do Pacto dos Alcaldes. O primeiro consta de 19 accións, que supoñen unha redución de 105.579,5 toneladas de CO2 para o ano 2030 e equivalen a un 40, 53 % das emisións en 2010.

Ditas liñas de traballo céntranse en cinco estratexias: reducir o consumo eléctrico municipal, apostar pola mobilidade sustentable con melloras no transporte público e privado, fomentar as enerxías renovables, colaborar coa cidadanía na creación de hábitos máis eficientes desde o punto de vista enerxético e, por último, adaptar as estruturas do Concello para o desenvolvemento das accións necesarias.

Accións xa realizadas

O documento resalta que ata o momento, entre 2010 e 2020, instaláronse placas solares e unha caldeira de pellets na piscina da Malata, unha climatizadora con recuperación de calor e unha caldeira de gas de baixa temperatura no polideportivo de Caranza, tamén unha caldeira de gas de baixa temperatura no centro cívico de Caranza, substituíronse luminarias no acceso norte e peonalizáronse as rúas lonxitudinais no barrio da Magdalena.

A segunda liña de traballo da memoria, o plan de acción de adaptación ao cambio climático no marco do Pacto dos Alcaldes, recolle 19 accións para lograr o seu obxectivo, que implicarán un aumento da resiliencia do municipio fronte ao cambio climático. Os obxectivos básicos son aumentar a resistencia do concello aos incendios forestais e episodios de seca, protexer a biodiversidade e promover hábitos saudables entre a veciñanza.

Rede europea 

O Pacto dos Alcaldes, do que Ferrol forma parte desde comezos do pasado ano, é unha ferramenta que pretende reunir aos alcaldes das cidades europeas nunha rede permanente de intercambio de información para a aplicación de boas prácticas a través da mellora da eficiencia enerxética no ámbito urbano, a redución das emisións de CO2 no ámbito territorial local e aumentar a resiliencia fronte ao cambio climático.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.