O Carballo Interplay xa ten datas para a súa próxima edición. O festival de contidos dixitais celebrará a súa 13ª convocatoria do 16 ao 19 de abril de 2026, catro días nos que volverá reunir en Carballo creadoras, creadores e proxectos vencellados ás novas narrativas audiovisuais e á cultura dixital.
A cita chega nun momento especialmente significativo para o festival, que vén de recibir o Premio da Crítica de Galicia na categoría de Cultura Dixital, un recoñecemento que reforza a súa traxectoria como un dos principais impulsores da creación dixital en galego e como un evento con proxección máis alá do ámbito autonómico.
De cara a esta nova edición, o Carballo Interplay volve apostar polo apoio directo ao talento con máis de 6.000 euros en premios, repartidos en tres convocatorias xa abertas. A máis veterana é a Competición Oficial de Series en Formato Curto, dirixida a producións nacionais e internacionais realizadas entre 2025 e 2026, con polo menos tres capítulos e unha duración máxima de 30 minutos por episodio. As obras, inéditas ou xa difundidas en plataformas de streaming, poderán optar aos premios á Mellor Serie, Premio do Xurado Novo, Premio do Público e Mellor Dirección. O prazo de inscrición remata o 8 de marzo de 2026.
O festival mantén tamén o seu apoio a proxectos en fase de desenvolvemento a través do Premio á Produción de Contido Dixital en Galego, dotado con 3.000 euros para impulsar propostas pensadas especificamente para redes como TikTok, YouTube ou Instagram. A convocatoria está aberta a formatos e temáticas diversas e poderá presentarse ata o 29 de marzo de 2026.
No ámbito da creación nativa dixital, o Premio Creación Dixital Galega recoñecerá de novo o traballo de creadoras e creadores que difunden os seus contidos en galego nas redes sociais. Nesta categoría outorgaranse dous galardóns: Mellor Canle e Mellor Creador ou Creadora, ambos cunha dotación de 600 euros. O prazo de inscrición é tamén o 29 de marzo de 2026.
A pasada edición deixou un palmarés diverso, con Rebelico Revista como Mellor Canle e Sara Seco como Mellor Creadora na categoría de creación dixital; o proxecto Epidemia invisible fíxose co premio á Produción de Contido Dixital en Galego, mentres que na sección oficial de series The Pearl (Let’s make peace) foi recoñecida como Mellor Serie e Alec Pronovost obtivo o premio á Mellor Dirección por J’adore le jus. O Xurado Novo distinguiu á serie galega A moza que abortou e o contou e o público premiou a Triple oh!.
Con estas datas e convocatorias, o Carballo Interplay inicia a conta atrás para unha edición que volverá situar a creación dixital no centro da programación cultural da primavera.

