A XXIV edición dos Premios Mestre Mateo contará con Xabier Díaz como responsable da música da gala. O músico galego estará ao fronte das Adufeiras de Salitre cunha actuación que unirá tradición e vangarda.
Segundo informa a organización, a parte musical completarase coa participación de Mondra, unha das voces emerxentes do panorama musical galego actual.
A elección de Xabier Díaz sitúa a música tradicional galega no centro da cerimonia, a través dun proxecto que leva anos traballando na recuperación e reinterpretación do canto e da percusión popular. Unha liña na que tamén afonda o artista Mondra.
A gala da XXIV edición dos Premios Mestre Mateo terá lugar en Lugo, o día 21 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos. O evento reunirá a profesionais do cine e da televisión galegos para recoñecer as producións máis destacadas do último ano.

