A Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo, de Aventura e Natureza (AGETAN) impulsa e coordina o programa ‘Galicia Destino Seguro. Turismo Activo’, posto en marcha ao amparo do convenio de colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia e AGETAN para a implementación da medida 24 do ‘Plan de Reactivación dos sectores culturais e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19’.
O obxectivo do programa é prestar asesoramento e certificar ás empresas de turismo activo de Galicia que desenvolven os seus servizos con garantía de seguridade e hixiene, minimizando o risco fronte ao SARS-CoV-2.
Para isto, AGETAN ten definidos unha serie de Manuais de Turismo activo e Ecoturismo por especialidade, nos que se establecen os protocolos necesarios para garantir a seguridade en cada tipo de actividade de turismo activo ofertada en Galicia, ademais dun servizo de asesoramento para a implantación, que se presta ás empresas adheridas ao proceso de forma totalmente gratuíta.
Pode participar neste proceso de asesoramento e certificación calquera empresa de turismo activo legalmente constituída e con sede/domicilio fiscal en Galicia. Para iso, as empresas interesadas en participar deben cubrir o formulario de solicitude dispoñible na páxina https://turismoactivo.gal/protocolo-covid , e achegar a través del a documentación xustificativa requirida para poder optar á certificación.