A deputada de Igualdade, Sol Agra Tuñas, presentou hoxe as actividades que desenvolverá a Deputación da Coruña co motivo do Día Internacional da Muller. O programa percorre a provincia para visibilizar o papel das mulleres nas loitas sociais e laborais e reforzar a idea de que “a igualdade real require un compromiso continuo e compartido ao longo do tempo”, destacou Agra.
Este ano, o 8M céntrase na memoria histórica e no protagonismo das mulleres nas transformacións sociais e laborais, como a reconversión naval de Ferrolterra ou outras mobilizacións do século XX. Entre as propostas destaca Mulleres da Reconversión, unha serie de encontros con mulleres da comarca para investigar o seu papel durante a reconversión naval nos anos 80 e 90. Os resultados servirán para elaborar unha exposición e un vídeo documental, que se presentará en Fene o 6 de marzo.
Ademais, a Deputación desenvolverá un circuíto de actividades de igualdade en distintos concellos da provincia, incluíndo obradoiros, teatro, curtas e contacontos para público infantil e adulto, coa participación de compañías, asociacións e artistas centrados en igualdade, feminismo e dereitos das persoas con diversidade sexual e de xénero.
A exposición Sinaladas, adaptada para interiores, estará dispoñible para concellos e entidades que a soliciten a través da plataforma SUBTEL. Esta mostra homenaxea ás mulleres que participaron nas loitas sociais desde o século XIX en Galicia, desde agraristas e cigarreiras ata represaliadas durante o golpe de Estado de 1936 e a Ditadura, e foi presentada por Montse Fajardo, comisaria e responsábel dos contidos.
O programa completarase o 7 de marzo no Pazo da Cultura de Carballo co concerto do décimo aniversario do grupo De Vacas, titulado Vacanal Sinfónica, con arranxos e dirección musical de Lucas Rei, a participación do Coro da Ra e dunha orquestra creada para o proxecto. O concerto busca transmitir unha mensaxe de feminismo reivindicativo nun formato musical e lúdico.
Segundo Eva Ovenza, xefa de Servizo de Igualdade, todas estas actividades enmárcanse nun Plan Provincial con máis de 170 accións, que estará vixente ata outubro e permitirá avaliar a situación actual da provincia en materia de igualdade, diversidade e prevención de violencias de xénero. Ademais, iniciáronse os trámites para o II Plan de Igualdade 2027-2031, que seguirá unha metodoloxía participativa e colaborativa en todo o territorio provincial.
