Hai apenas tres semanas o dúo vigués Fillas de Cassandra sorprendía organizando unha rave nun Vitrasa no videoclip de ‘Insolación’. En todo caso, non será o lugar máis insólito ó que levarán a súa música este 2026: acaban de anunciar que este mes de maio actuarán nun festival en Eswatini, o país anteriormente coñecido como Suazilandia.
Así, darán un paso más na súa proxección internacional coa súa participación no MTN Bushfire 2026, levando a África a súa proposta artística na que reinterpretan a tradición dende unha persepectiva contemporánea cunha actuación enmarcada na xira de presentación de su segundo LP, ‘Tertúlia’.
MTN Bushfire, un dos grandes festivais de África
O MTN Bushfire é un dos eventos musicais e artísticos máis relevantes do continente africano. Celebrado anualmente no val de Malkerns, destaca pola súa aposta pola diversidade cultural, a inclusión e o compromiso social.
Desde a súa creación en 2007, o festival converteuse nun punto de encontro internacional que reúne artistas e público de máis de 60 países. Cunha programación ecléctica que mestura música, arte e activismo, Bushfire promove valores como a loita contra a desigualdade, a protección ambiental e a transformación social baixo o lema #BRINGYOURFIRE.
A participación de Fillas de Cassandra sitúa a música galega nun escenario global de primeiro nivel, compartindo cartel con propostas de todo o mundo.
Fillas de Cassandra e o lanzamento de Tertúlia
Este fito internacional chega con Fillas de Cassandra a piques de publicar o seu segundo álbum, Tertúlia, previsto para esta primavera. Tras o éxito do seu debut ACRÓPOLE (2023) e o EP hibernarse (2025), o dúo formado por Sara Faro e María SOA continúa ampliando o seu universo creativo.
Este novo traballo preséntase como unha invitación á conversa e á escoita nun contexto social marcado pola fragmentación. A través de voces superpostas, repeticións e fragmentos de diálogo, Tertúlia constrúe un espazo artístico que reivindica o encontro, a confesión e o festexo colectivo.
Os primeiros avances, como Saír á fresca e Insolación, amosan unha evolución sonora na que conflúen electrónica contemporánea, ritmos como o funky brasileiro ou o breakbeat, e elementos da música tradicional. O disco, producido en colaboración con Çantamarta, verá a luz en abril e será presentado en directo o 9 de maio en Pontevedra, marcando o inicio dunha nova xira que incluirá unha sorprendente parada en África.
