O alcalde de Foz esixe á Xunta que aclare se pechará o servizo de urxencias do centro de saúde os sábados

O rexedor reclama á Xunta que aclare se prevé suprimir as urxencias dos sábados e pide que Foz conte cun PAC acorde ao seu volume de poboación e ás necesidades asistenciais
Centro de saúde de Foz, cuxo servizo de urxencias dos sábados está en cuestión
Centro de saúde de Foz, cuxo servizo de urxencias dos sábados está en cuestión

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, remitiu este mércores un escrito ao conselleiro de Sanidade no que pide explicacións urxentes sobre a posible supresión do servizo de urxencias do centro de saúde os sábados pola mañá. A preocupación do rexedor xorde tras unha información publicada por La Voz de Galicia, que apunta a que a ampliación de horarios nos Puntos de Atención Continuada (PAC) podería deixar a Foz sen atención de urxencias en fin de semana.

Cajoto tamén trasladou a mesma consulta ao xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, advertindo de que a medida suporía “un novo agravio” para o municipio. O alcalde lembra que Foz, con máis de 10.300 habitantes censados e picos de ata 30.000 persoas no verán, é o sexto concello máis poboado da provincia e o segundo da Mariña, pero continúa sen PAC propio, ao contrario que localidades con menor poboación.

O rexedor repasa no seu escrito unha longa lista de municipios da área sanitaria que si dispoñen de PAC, desde Viveiro e Ribadeo ata Meira, Navia de Suarna ou Pedrafita do Cebreiro. “Foz segue sendo unha excepción”, lamenta, e lembra que a falta dun PAC só se compensaba cun médico reforzo no verán —servizo suprimido— e coas urxencias dos sábados pola mañá, agora en risco.

O alcalde tamén critica a eliminación dun técnico de emerxencias sanitarias na ambulancia medicalizada, unha decisión que, segundo afirma, deixou o servizo “infra-dotado” malia a demanda social e política para recuperar a dotación completa. A isto súmase que, desde o 1 de xaneiro deste ano, Foz deixou de contar con farmacias de garda nocturna debido á ausencia dun PAC, o que supón “unha perda dun servizo esencial”.

Cajoto asegura que o Concello non recibiu información oficial sobre o estado dos trámites para a ampliación do centro de saúde e reclama que se teña en conta a súa adaptación como futuro Punto de Atención Continuada. O alcalde formula, ademáis catro peticións directas ao conselleiro: que Sanidade confirme ou desminta a supresión das urxencias dos sábados; que, de ser certa a información, se modifique o decreto para manter o servizo; que se inicien os trámites para dotar Foz dun Punto de Atención Continuada; e que se restitúan todos os servizos sanitarios suprimidos desde 2005

Cajoto advirte de que o Concello apoiará “todas as accións políticas e cidadás necesarias” para evitar o que considera unha discriminación na atención sanitaria. E conclúe pedindo á Xunta que rectifique e teña en conta “as necesidades reais da poboación focega”.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.