O Servizo de Gardacostas de Galicia intensificou nos últimos días a vixilancia en distintos puntos do litoral galego, con actuacións levadas a cabo en zonas como Silleiro, Arousa, Corrubedo e Vigo. Os operativos saldáronse coa retirada dunha importante cantidade de artes de pesca ilegais, nunha nova ofensiva contra o furtivismo.
610 cacharros e máis de 200 quilos de produto
En total, os axentes comisaron 610 cacharros, preto dun cento de nasas e arredor de 60 pezas de miño sen identificar, o que supón un volume relevante de útiles empregados de maneira irregular no marisqueo e na pesca. Este tipo de aparellos, ao non estar debidamente sinalizados, dificulta o control da actividade extractiva e supón un risco tanto para os recursos mariños como para os profesionais do sector.
🔵 En operativos nos últimos días en Silleiro, Arousa, Corrubedo e Vigo comisamos 610 cacharros, case 100 nasas e 60 pezas de miños sen identificar
— Gardacostas Galicia (@GardacostasGal) April 26, 2026
🦀 Incautamos ademais preto de 225 quilos de peixe e marisco. Todo foi devolto ao mar. Seguimos na loita contra o furtivismo pic.twitter.com/xe6HHweKqe
Durante os operativos tamén se interviñeron arredor de 225 quilos de peixe e marisco. Seguindo o protocolo habitual nestes casos, todo o produto foi devolto ao mar ao atoparse en condicións aptas para a súa supervivencia.
O furtivismo, arte ilegal que non cesa
Hai apenas uns días –o pasado 19 de abril– o Servizo de Gardacostas desenvolveu varias actuacións contra o furtivismo nas rías de Vigo e Arousa, nas que se incautaron 40 quilos de polbo e 11 de centola. Ademais, os axentes retiraron do mar máis de 300 aparellos de pesca ilegal, entre cacharros e nasas, e localizaron preto de 600 metros de cabos empregados nestas prácticas. Como resultado, levantáronse un total de 11 actas de infracción.
Estas actuacións enmárcanse na estratexia de control e protección dos recursos pesqueiros en Galicia, especialmente nun momento clave do calendario, marcado polo inicio próximo da veda biolóxica do polbo. Dende Gardacostas subliñan que este tipo de dispositivos continuarán desenvolvéndose para frear o furtivismo e garantir a sustentabilidade do litoral.

