Cestería, madeira ou coiro: os oficios artesáns sairán dos obradoiros para chegar ás vilas e asociacións de Lugo

A Deputación destina 70.000 euros ao programa “Mans Artesás”, que levará demostracións, cursos e actividades gratuítas de artesanía tradicional por toda a provincia
Imaxe promocional de "Mans Artesás" | Deputación de Lugo
Imaxe promocional de "Mans Artesás" | Deputación de Lugo

A artesanía tradicional lucense busca novos espazos para seguir viva. Cesteiros, oleiras, talladores de madeira, artesáns do coiro e profesionais doutras disciplinas manuais poderán compartir os seus coñecementos en feiras, festas, centros sociais e actividades veciñais grazas a “Mans Artesás”, un novo programa impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para achegar os oficios tradicionais á cidadanía.

A iniciativa nace co obxectivo de reforzar a presenza da artesanía na vida cultural da provincia e de facilitar o contacto directo entre o público e profesionais que conservan técnicas e saberes transmitidos durante xeracións. O programa permitirá organizar demostracións en vivo, obradoiros participativos e cursos de formación en distintos concellos e colectivos sociais, asumindo a institución provincial os custos derivados da participación dos artesáns.

A proposta pretende, ademais, contribuír á visibilización dun sector que combina tradición e innovación e que representa unha actividade económica estreitamente ligada ao territorio.

Aprender dos mestres dos oficios

Entre as actividades previstas figuran demostracións abertas ao público nas que os profesionais mostrarán o seu traballo en directo, desde o tecido manual ata a cestería, a olería ou o torneado da madeira. Tamén haberá obradoiros participativos, nos que os asistentes poderán experimentar coas distintas técnicas artesanais, así como cursos máis completos orientados á aprendizaxe práctica dun oficio.

Estas accións desenvolveranse ao longo do ano segundo a dispoñibilidade dos profesionais adheridos ao programa e poderán incorporarse á programación de feiras, festas populares ou actividades organizadas por asociacións culturais e veciñais.

Desde a área provincial de Artesanía e Deseño destacan que a iniciativa busca non só divulgar o patrimonio artesanal, senón tamén contribuír á súa continuidade, facilitando que novas xeracións coñezan e valoren estes oficios.

Un sector ligado ao territorio

A posta en marcha de “Mans Artesás” coincide cun momento no que a artesanía gaña protagonismo como alternativa vinculada á produción sostible, ao consumo de proximidade e á conservación do patrimonio inmaterial. En moitos casos, os profesionais do sector manteñen técnicas centenarias adaptadas ás demandas actuais, converténdose tamén nun atractivo cultural e turístico para o rural.

A provincia de Lugo conta cunha ampla tradición artesanal ligada aos recursos naturais e ás actividades económicas tradicionais. Oficios como a cestería, a madeira, o traballo do coiro ou a cerámica forman parte da identidade de numerosas comarcas e continúan xerando actividade económica e cultural.

O programa está aberto á participación de artesáns da provincia, que deberán formalizar a súa adhesión a través da plataforma habilitada pola Deputación. Pola súa banda, asociacións e entidades sen ánimo de lucro poderán solicitar a realización das actividades de maneira gratuíta ata esgotar o orzamento previsto, que ascende a 70.000 euros.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.