A cidade de Ourense converterase este outono nunha porta de entrada á Terra Media grazas á experiencia inmersiva “Terra do Anel: Unha viaxe entre reinos”, unha das grandes apostas da 31ª edición do Ourense Film Festival (OUFF), que se celebrará do 25 de setembro ao 4 de outubro.
Coincidindo co 25 aniversario da estrea da triloxía cinematográfica de O Señor dos Aneis, dirixida por Peter Jackson e baseada na obra de J.R.R. Tolkien, o festival renderá homenaxe a un dos universos fantásticos máis influentes da cultura contemporánea. A exposición poderá visitarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel entre o 17 de setembro e o 1 de novembro.
A mostra reunirá unha ampla colección de pezas e elementos vinculados á saga, convidando ao público a mergullarse nos reinos da Terra Media e a redescubrir unha historia que marcou varias xeracións de espectadores e lectores. Desde o OUFF destacan o crecente interese por este tipo de propostas, despois do éxito acadado pola exposición Making Movies, que o pasado ano superou os 6.500 visitantes.
Un dos grandes atractivos da iniciativa serán as visitas guiadas e teatralizadas, organizadas por Júpiter Juegos, que ofrecerán unha experiencia interactiva e chea de sorpresas. Os seus responsables avanzan percorridos nos que se combinarán divulgación, humor e recreacións para transportar aos asistentes ao corazón do universo creado por Tolkien.
Banda sonora da Xove Orquestra Ourensanía
A programación especial arredor de O Señor dos Aneis completarase coa música de Howard Shore, autor da emblemática banda sonora da triloxía. A Xove Orquestra Ourensanía, acompañada por un gran coro e baixo a dirección de José Luis Tielas, interpretará estas composicións en directo no espectáculo “OUFF Film Symphony: Howard Shore Tribute – A música do Anel”.
Os concertos celebraranse o 27 de setembro no Auditorio Municipal de Ourense e o 3 de outubro no Auditorio Municipal de Verín. Neste último caso, as entradas terán un prezo de 10 euros e a recadación destinarase a diversas entidades sociais e benéficas da provincia.
Con esta proposta, o OUFF reforza a súa vocación de ir máis alá da exhibición cinematográfica e converterse nun festival vivo durante todo o ano, capaz de combinar cine, música e experiencias culturais para achegar ao público os grandes universos da sétima arte.
