O Tribunal de Instancia de Verín absolveu a un mozo que participaba como cigarrón no Entroido de 2025, ao entender que non quedou demostrada a súa participación nun incidente no que unha muller denunciou ter recibido un lategazo mentres asistía á celebración.
Os feitos remóntanse ao 4 de marzo de 2025, durante a xornada grande do Entroido verinés. Segundo a denuncia, unha persoa vestida de cigarrón golpeou cun látego a unha muller que se atopaba nunha praza da localidade acompañada do seu fillo menor. O impacto provocoulle lesións leves polas que precisou varios días de recuperación.

Na sentenza, a xuíza recoñece que as lesións descritas poden encaixar nun delito leve de lesións e lembra que o carácter festivo dunha celebración tradicional non xustifica comportamentos que poidan causar danos ás persoas. A resolución sinala que non existían testemuñas independentes nin outros elementos obxectivos suficientes que permitisen corroborar de forma concluyente a identificación do denunciado. Ante a existencia de versións contraditorias e a falta de probas imparciais, o tribunal optou por aplicar o principio de presunción de inocencia.
