Galicia celebrará o vindeiro 4 de xullo o Día do Cooperativismo Galego 2026 nas Bodegas Martín Códax, en Cambados, nun encontro que reunirá boa parte do ecosistema da economía social. A cita, prevista para as 12.00 horas, servirá como escaparate dun modelo que gaña peso institucional e presenza nas políticas públicas, pero que segue tendo como principal reto aumentar a súa visibilidade social.
Neste marco, a Xunta fixo públicos os Premios á Cooperación 2026, cuxo obxectivo é recoñecer o papel das cooperativas no desenvolvemento económico e social do territorio, así como na promoción dos principios cooperativos. A edición deste ano volve poñer o foco en dous piares clásicos do cooperativismo: a solidez dos proxectos consolidados e a vixencia dos seus valores.
O Premio á Trayectoria Cooperativa recae en Xallas-Santa Comba, unha entidade agroganadeira con máis de cinco décadas de actividade que soubo combinar tradición e modernización, diversificando servizos e mantendo un forte vínculo co desenvolvemento da súa comarca.
Pola súa banda, o Premio aos Valores Cooperativos distingue a Algalia, con sede en Vigo, especializada en consultoría para o terceiro sector e a economía social, e recoñecida polo seu labor na difusión e aplicación práctica dos principios cooperativos no contexto galego. Ambos recoñecementos debuxan un sector maduro en determinados ámbitos, con capacidade de xerar emprego, arraigo territorial e redes de colaboración.
Os galardóns —dotados con 15.000 euros no seu conxunto— chegan nun contexto de impulso institucional da economía social. Estratexias autonómicas, estatais e europeas, así como o respaldo de organismos internacionais, sitúan o cooperativismo como unha ferramenta clave para afrontar retos como a dinamización económica ou a fixación de poboación.
Porén, ese apoio convive con importantes desafíos. O principal, segundo coinciden tanto expertos como entidades do sector, é o do descoñecemento social e a persistencia de certos prexuízos, que seguen asociando as cooperativas a modelos menos competitivos ou innovadores.
Larega, exemplo do novo cooperativismo
Neste contexto de transición e renovación, o xurado quixo destacar tamén o papel das iniciativas emerxentes. O Premio ao Mellor Proxecto Cooperativo Novo recaeu en Larega Sociedade Cooperativa Galega Xuvenil, con sede en Pontedeume.
Trátase dun proxecto recente, especializado en políticas públicas e economía social, que centrou a súa actividade en trasladar este modelo ao ámbito local a través de ferramentas concretas como os plans de economía social, unha liña aínda pouco desenvolvida en Galicia ata hai poucos anos.
O seu traballo, en colaboración con universidades, administracións públicas e outras entidades, contribuíu a introducir novas metodoloxías de desenvolvemento territorial, orientadas a integrar a economía social nas políticas públicas.
A elección de Larega como proxecto destacado apunta tamén a unha cuestión clave: o papel das novas xeracións na evolución do cooperativismo e a súa capacidade para adaptalo aos retos actuais.
Sobre esa visión —e sobre o lugar que ocupa hoxe a economía social nun contexto dominado polo modelo startup— reflexiona Manuel Veiga, socio de Larega, na seguinte entrevista.

—Nun momento no que o emprendemento se asocia a startups e crecemento rápido, por que decidistes que unha cooperativa era o mellor vehículo para o voso proxecto?
—Hai que dicir que non son modelos incompatibles, pero tampouco teñen o mesmo sentido. A día de hoxe hai moi poucas cooperativas que funcionen como startups, en parte porque aínda non están ben desenvolvidos os vehículos de financiamento para ese tipo de proxectos.
No noso caso, tiñamos claro que a fórmula cooperativa era unha aposta coherente cos nosos valores. Nunha cooperativa, especialmente de traballo asociado, o obxectivo principal é dar emprego ás persoas socias e situalas no centro. Iso difire bastante do modelo clásico de startup, que adoita buscar crecemento rápido, captación de investimento e unha venda nun prazo relativamente curto.
Cando coñeces o cooperativismo e entendes os seus principios, sobre todo esa idea de que as persoas van por diante da maximización do beneficio, é moi difícil non identificarse con ese modelo se encaixa contigo. No noso caso, encaixaba perfectamente.
—Cres que segue existindo o prexuízo de que unha cooperativa é un modelo menos competitivo ou menos innovador?
—Si, sen dúbida. Existe un prexuízo bastante estendido que identifica as cooperativas como estruturas menos competitivas, menos innovadoras ou incluso próximas a unha ONG, como se non tivesen capacidade para xerar beneficios ou pagar salarios dignos.
Pero hai algo curioso: moita xente coñece algunha cooperativa que non funcionou, e queda con esa referencia. Sen embargo, coñecen tamén moitas máis empresas convencionais —sociedades limitadas, autónomos— que tampouco saíron adiante, e iso non lles fai cuestionar o modelo.
Ese dobre rasero pesa moito. Cando se fala de cooperativas, esas experiencias negativas concretas convértense en exemplo xeral, e iso supón un atranco importante para o desenvolvemento do sector.
—Larega está especializada en políticas públicas e economía social. Que tipo de proxectos desenvolvedes e quen son os vosos principais clientes?
—Traballamos sobre todo con administracións públicas, universidades e entidades vinculadas ao desenvolvemento económico.
Un dos eixos principais do noso traballo son os plans locais de economía social. Cando empezamos, este tipo de ferramentas practicamente non existían en Galicia, aínda que si noutras comunidades como Cataluña, Valencia ou o País Vasco. Parecíanos importante traer esa innovación ao territorio.
Así naceu o proxecto INSOCIAL, no que colaboramos coa Universidade de Valencia, a Universidade de Santiago de Compostela e a cooperativa NEITIN, con financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social. A partir deste proxecto desenvolvemos plans locais en Pontedeume e nunha mancomunidade valenciana, ademais dunha metodoloxía que pode replicarse noutros territorios.
Máis adiante, tamén traballamos coa Xunta de Galicia nun proxecto piloto para desenvolver plans locais en concellos como Ribadavia e Baiona, xunto cunha guía práctica para que outras administracións poidan aplicar este modelo.
Ademais, desenvolvemos outros proxectos como unha guía de emprendemento en economía social en Galicia —en colaboración coa cooperativa Toupa— e iniciativas centradas na empregabilidade, como un proxecto coa Universidade da Coruña para mellorar a inserción laboral de persoas con discapacidade intelectual en Ferrolterra e Eume-Ortegal.
—Como naceu a idea de crear Larega e que necesidade detectastes?
—A idea nace dentro do ámbito académico. Xorde a partir dun traballo de fin de mestrado no Máster de Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras, centrado en como unha cidade como Santiago de Compostela podía apostar pola economía social.
Ese traballo non tería sido posible sen a experiencia previa en prácticas, concretamente na cooperativa Avelaiña, onde tivemos a oportunidade de coñecer de primeira man o funcionamento e os valores da economía social.
A partir desa experiencia e dese coñecemento, vimos claro que había unha oportunidade: existía interese institucional pola economía social, pero faltaban ferramentas concretas para levala ao territorio. Larega nace precisamente para cubrir ese espazo.
—Que papel debería xogar a Administración para impulsar o cooperativismo: máis axudas, máis formación ou máis visibilidade?
—Probablemente un pouco de todo, pero sobre todo máis visibilidade. É certo que xa existen axudas económicas e tamén formación, promovidas por entidades como o ecosistema da economía social en Galicia. Pero o gran problema é que a economía social segue sendo bastante descoñecida, especialmente nos centros educativos e nas universidades.
Nas aulas explícase que é unha cooperativa como forma xurídica, pero non se transmite realmente o seu potencial como modelo de emprendemento e como ferramenta de desenvolvemento económico.
E isto é especialmente relevante porque, a nivel institucional, si existe unha aposta clara: hai estratexias galegas, españolas e europeas de economía social, e organismos internacionais como a ONU, a OCDE ou a OIT tamén están impulsando este modelo polas súas externalidades positivas.
O problema é que ese impulso non sempre chega á cidadanía. Por iso, o reto principal é dar a coñecer que é a economía social e cales son as súas vantaxes, tanto para emprender como para o desenvolvemento dos territorios.
Porque, ao final, decisións tan cotiás como mercar un produto dunha cooperativa poden ter impacto: poden contribuír a que se paguen prezos xustos, a que haxa participación democrática ou a que se xeren beneficios repartidos de maneira máis equitativa.
Non se trata de dicir que un modelo é mellor ca outro, senón de entender que son diferentes e que a economía social ten unha serie de valores e beneficios que moitas veces non se coñecen.
