A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a segunda ampliación do prazo de execución da remodelación da praza de Armas. Deste xeito, a marxe da adxudicataria para rematar os traballos increméntase en catro semanas, co que a obra deberá estar lista antes do 3 de abril. Segundo explicou o voceiro do goberno local, o concelleiro Julián Reina, na rolda de prensa posterior á reunión, este incremento debera ser suficiente e incluso se mostrou confiado de que non será necesario esgotar o
prazo. En todo caso, asegurou que a praza “estará preparada para as procesións da Semana Santa”.
Durante as últimas datas viñéronse desenvolvendo traballos como a colocacióndas lousas históricas nas beirarrúas e de pedras nas rúas Real, Terra e Rubalcava, uns traballos que continúan estes días e aos que principalmente lles falta por executar os tramos próximos á rúa María. O novo pavimento de granito na fronte do Concello está case listo, mentres que nos laterais se demorou debido a traballos da compañía eléctrica nos centros de transformación subterráneos existentes en Terra e Rubalcava.
Tamén está instalado o alumeado público, consistente en catro báculos de dez metros de alto con varios proxectores cada un deles. A zona que se cubrirá con terra xa ten rematadas as instalacións de saneamento e está ao nivel da base de pavimento estabilizado que servirá de acabado. A previsión é que os traballos se inicien estes días.