Inma López Silva, escritora, crítica teatral, doutora en Filoloxía e actual docente na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, resultou gañadora coa súa obra ‘Clepsidras’ do XXXIV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón 2021, que convoca o Concello de Dodro.
Así o decidiu por maioría o xurado, logo de valorar os trinta e un poemarios participantes, salientando de Clepsidras “a potencia das imaxes que van artellando un discurso arredor da xenealoxía feminina, ao patente reflexo das violencias cotiás, así como a exploración que fai da lingua e das formas do dicir. Ademais, a nivel formal consegue unha cadencia rítmica altamente suxestiva que coloca o texto nunha predisposición performativa”.
A gañadora deste certame é autora de obras destacadas como ‘Concubinas’; ‘Memoria de cidades sen luz’; ‘Aqueles días en que eramos malas’ e ‘O libro da filla’. O premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón está dotado con 2.500 euros e supón ademais a publicación do poemario.
Nesta edición o certame está coordinado pola poeta Elvira Ribeiro Tobío e o xurado estivo composto por autoras como Rexina Rodríguez Vega, Silvia Penas Estévez, Oriana Méndez Fuentes e o poeta Francisco Valeiras Gónzalez, xunto cos concelleiros de Servizos Sociais e Cultura do Concello de Dodro.
Despois da elección da obra premiada tivo lugar unha homenaxe ao poeta, Eusebio Lorenzo Baleirón, no cemiterio de Xián de Laíño, onde está soterrado. O acto de entrega do premio será o sábado 11 de decembro no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro.