O crise sanitaria do Covid-19 está xerando unha onda de solidariedade entre a poboación que non só se canaliza na confección de máscaras e pantallas protectoras, senón tamén en aportacións directas de diñeiro. Plataformas como GoFundMe.com permiten crear campañas, con diferentes fins, para recadar fondos.
En Ferrol son xa media docena de iniciativas postas en marcha a través desta web para recadar cartos e destinalos a paliar os efectos do coronavirus. Un bó exemplo é o da peña racinguista Diablos Verdes, que levan recadados máis de 3.100 euros a través de 111 donativos. Con diñeiro conseguido xa realizaron unha compra de 175 kilos de comida para o banco de alimentos de Balrial e mercaron material sanitario para Aspanaes e para o hospital Arquitecto Marcide, ademáis de realizar dúas doazóns directas de diñeiro a Asfedro e á Cociña Económica.

Tamén nesta páxina web está a recadar diñeiro para a loita contra o Covid-19 a start-up ferrolá Waves, que doará o conseguido en axudas directas de cartos ou mediante a compra de material. Polo momento, xa realizaron entregas de material á residencia de maiores Mi Casa e na de Caranza. Ademais, segundo explican, os ingresos dos pedidos web durante o estado de alarma irán destinados a esta mesma causa.
Outra empresa ferrolá, a cafetería Lusitania, tamén abriu unha campaña de recadación de fondos na plataforma Gofundme.com. Neste caso, o negocio familiar, solicita a axuda dos seus veciños e clientes para superar os efectos económicos da crise, xa que serán os negocios de hostelería os máis afectados durante esta pandemia. O recadado, explican, irá destinado «aos pagos máis urxentes coas nosas compañeiras e cos provedores». A contrapartida a estas doazóns será simbólica e consistirá nun almorzo gratis a cada persoa que colabore.