O Concello das Pontes porá en marcha, a próxima semana, Impulsa As Pontes, un proxecto de carácter transversal orientado á dinamización económica da vila nas áreas do comercio, a hostalaría e o turismo.
Na súa primeira fase, o programa estará orientado ao sector do comercio e hostalería e botará a andar cunha diagnose que ten como obxectivo poder coñecer a situación na que se atopan os establecementos participantes na estratexia, para pasar despois a unha etapa de formación conxunta para mellorar as capacidades e facer fronte á situación actual.
Despois, o programa chegará a unha etapa de asesoramento individualizado, realizando un acompañamento e seguimento a cada un dos comercios e pequenos negocios participantes para definir o seu plan de mellora, as accións que deben implantar para aumentar a súa competitividade.
A última fase do programa Impulsa As Pontes será a de promoción conxunta e a creación dunha plataforma de venta online, a través da que o Concello das Pontes quere contribuír a reducir o impacto do coronavirus na economía das persoas autónomas e pemes do municipio e fomentar a transformación tecnolóxica dos comercios para impulsar o aumento do consumo.
A concellería de Comercio, Hostalería e Turismo tamén destaca que “xa se traballa na posta en marcha dun sistema de bonos desconto para empregar nos establecementos comerciais así como nun programa de fidelización de clientes co obxectivo de que os comerciantes recuperen parte da actividade perdida pola crise sanitaria, incrementen as ventas, poidan atraer a compradores non só locais, traspasando fronteiras, para que descubran os atractivos do noso comercio e que permita aos consumidores mercar a un prezo competitivo”.
Turismo
O programa Impulsa As Pontes tamén inclúe accións específicas para os distintos axentes do sector turístico co obxectivo de fomentar a competitividade e sustentabilidade da actividade turística nas Pontes a través de estratexias específicas, a detección de necesidades, así como o desenvolvemento de novas ideas de negocios en relación ás tendencias do sector.
Nese sentido, o goberno local cree “preséntase un novo escenario onde o turismo de proximidade vai favorecernos, por iso é importante aproveitar a oportunidade para posicionarnos como destino de visitantes e turistas, tendo como prioridade a mellora na calidade de vida da comunidade involucrada e a ampliación de oportunidades de crecemento e desenvolvemento”.
Impulsa As Pontes comeza a próxima semana, todos os e as interesadas deben inscribirse a partir do martes día 5 de maio chamando ao 673 200 639, enviando un correo electrónico a [email protected] ou na páxina impulsa.aspontes.org