A campaña de recollida de alimentos e prudutos de hixiene impulsada polo Concello para axudar ás familias máis vulnerables rematou na xornada de onte cun gran éxito grazas á colaboración da cidadanía. A alcaldesa, Marián Ferreiro, indicou que dende o pasado luns, primeiro día desta campaña, ata onte, recolléronse algo máis de 11.000 quilos de alimentos e produtos de hixiene. “O resultado desta campaña é moi positivo e constata unha vez máis a gran solidariedade das veciñas e os veciños de Narón, que sempre están dispostos a axudar a outras persoas que, como nestes momentos, están atravesando unha situación delicada”, subliñou Ferreiro.
“En tan só seis días, e durante unhas catro horas cada día, logramos reunir unha gran cantidade de produtos de primeira necesidade grazas a solidariedade da xente e tamén ao traballo de todas esas persoas voluntarias que estiveron en primeira liña e coordinados por Protección Civil fixeron posible esta campaña, traballando nos puntos de recollida e tamén no Centro de Recursos Solidarios de Narón», recalcou a alcaldesa.
As doazóns realizáronse nos supermercados das cooperativas do Val (no Val e en Xuvia) e Meirás (San Mateo), nos Covirán de Xuvia e O Alto, no Dia do Ponto, xunto aos Froiz de Freixeiro, Santa Icía, A Gándara e o Centro Comercial Narón, nos Gadis da estrada de Cedeira e Santa Icía, no Familia de Santa Icía e no Eroski da Gándara. Entre as doazóns solicitábanse preferentemente cereais, legumes e froita en conserva, café, arroz e tamén produtos de hixiene (compresas, tampóns), de limpeza (deterxentes para fregar a louza e o chan, lixivia…) e tamén toalliñas hixiénicas para bebés, aínda que se podían doar tamén outros produtos.