O Concello de Camariñas demandoulle este xoves a Portos de Galicia a continuación do paseo marítimo na zona do Cansorro. A alcaldesa, Sandra Insua, e o primeiro tenente de alcalde, Sergio Caamaño, trasladáronlle á presidenta desta entidade, dependente da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, o proxecto redactado por un técnico municipal.
«Agora mesmo hai unha evidente falta de seguridade para os peóns, xa que ó rematar o paseo teñen que circular ocupando a estrada polo escaso arcén co que conta», destacou a alcaldesa, quen lembra que, dende que se instalaron as letras de Camariñas, esta zona «é moi transitada por veciños e visitantes que van sacar fotos», polo que a actuación «é urxente».

A proposta trasladada polo Concello, orientada a mellorar a seguridade viaria, inclúe a construción dun sobreancho sobre a ribeira do mar con materiais similares ós do paseo marítimo. Así, crearíase unha estrutura de aceiro inoxidable sobre a que se colocaría unha tarima de madeira tratada para exteriores e varandas de aceiro inoxidable. Ademais, instalaríanse nela luminarias tipo LED.