A exposición itinerante, promovida polo Concello de Lugo, na que se abordan os desafíos da Axenda Urbana de Lugo poderase visitar, a partir de mañá e durante todo o mes, na Praza de Augas Férreas. A rexedora, convidou aos veciños e veciñas deste barrio a achegarse este xoves ás 17:30 horas ao acto de inauguración e realizar un percorrido pola mostra que recolle os desafíos e metas do Plan de Acción, que constitúe a folla de ruta para acadar unha cidade máis sostible, integradora e resiliente de cara ao 2030.
“Queremos que a cidadanía coñeza e sexa partícipe das actuacións que se van a impulsar no municipio a través deste Plan e, por iso, convidamos a todos os veciños e veciñas a visitar esta exposición, na se pode entender mellor o modelo que deseñamos hai sete anos para o municipio e no que estamos a traballar, e que se enmarca plenamente no concepto de urbes sostibles que nos marcan agora as Axendas Españolas e Europea, polo que temos xa un gran camiño percorrido”, explicou Méndez.
A exposición inclúe corenta paneis explicativos e viaxará por diferentes barrios e prazas da cidade. Recolle os desafíos e metas que marca o Plan e como estas se van a tratar de alcanzar na cidade, a través de diversas accións nas que xa se está traballando desde o Concello e que abarcan áreas como urbanismo, vivenda, mobilidade, ou cambio climático, entre outros. Con esta acción, o Concello busca trasladar aos veciños e veciñas os obxectivos que marca a estratexia ‘Lugo Cidade Verde’, un documento que responde o cumprimento dos compromisos internacionais adoptados de conformidade coa Axenda 2030.
Lara Méndez explicou que “a exposición inclúe actuacións xa finalizadas, as que están en obras e as que planificamos. Non están todas as que fixemos, pero si unha gran parte das que amosan o modelo de cidade no que nos estamos a converter con proxectos que nos permiten vivir de xeito máis integrado co Miño -recuperación da vía XIX, Tanxurela, a senda Verde Ciclista, rexeneración do Carme, peonalización da calzada da Ponte…-, nunha cidade máis ecolóxica -renaturalización dos espazos e creación de novas áreas verdes-, referente no urbanismo sostible -Impulso Verde como edificio emblema-, amable, funcional e integradora coa veciñanza de todas as idades (ascensores urbanos, peonalizacións, centros sociais interxeracionais, parques…). Tamén cun casco histórico continuo, camiñable e con diversidade de usos que impulsa a participación cidadá e fomenta o turismo sostible”.