O Concello de Lugo quere axudar ao comercio lucense coa súa posta a punto para a campaña de vendas no Nadal. Para iso, no marco da campaña Nadalmente Lucense, ofrecerá formación e asesoramento in situ sobre escaparatismo, iluminación e packaging -envoltorios dos productos- aos establecementos comerciais e hosteleiros de Lugo, adheridos ao movemento Localmente Lucense.
Así o avanzou a rexedora, quen subliñou que “seguimos a achegar ferramentas aos emprendedores da cidade para que maximicen as súas posibilidades de negocio, dando un valor engadido ao seu producto, especialmente de cara á campaña navideña que comezará nas vindeiras datas”.
Neste senso, Lara Méndez explicou que “un equipo de profesionais poñerase a dispor dos comercios ou establecementos que así o desexen para asesorar, formar e sacar o maior proveito dos seus escaparates e locais; tamén se lles facilitará información e trucos para o aforro enerxético e a distribución dos seus produtos dunha forma sostible e creativa”. En total haberá 500 prazas dispoñibles e os interesados deberán inscribirse a través da páxina web para solicitar a formación.
A alcaldesa anunciou que “nos vindeiros días daremos conta de novas actuacións e iniciativas para promover o comercio de proximidade durante o Nadal; iniciativas coas que seguimos a traballar para impulsar e dinamizar un dos sectores máis importantes da nosa economía”. Neste senso, Lara Méndez lembrou que hoxe mesmo o Concello recibirá un accésit outorgado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo polo “apoio do executivo a este sector” no marco dos Premios Nacionais de Comercio Interior 2022 convocados pola Secretaría de Estado de Comercio.