A Coruña contará cun Xemelgo Dixital Provincial para anticiparse as necesidades da poboación

A ferramenta empregará intelixencia artificial e análise de datos para anticipar necesidades, mellorar os servizos públicos e planificar investimentos en ámbitos como a vivenda, a auga, a enerxía e as infraestruturas
O director xeral de red.es, Jesús Herrero Poza, a deputada de Emprego, Rosa Ana García e o director de servizos públicos dixitais de red.es, Francisco Javier García Vieira | Deputación da Coruña
O director xeral de red.es, Jesús Herrero Poza, a deputada de Emprego, Rosa Ana García e o director de servizos públicos dixitais de red.es, Francisco Javier García Vieira | Deputación da Coruña
PUBLICIDAD

A Deputación da Coruña impulsará a creación dun Xemelgo Dixital Provincial, unha plataforma tecnolóxica que permitirá analizar a realidade dos 93 concellos coruñeses e mellorar a planificación dos servizos públicos. O proxecto, denominado Coruña: Provincia analítica e preditiva, contará cun orzamento de 3,36 millóns de euros e utilizará intelixencia artificial, análise avanzada de datos e simulación para anticipar necesidades e optimizar os recursos públicos.

A iniciativa busca facilitar a toma de decisións das administracións locais, especialmente nos municipios máis pequenos, que dispoñen de menos recursos técnicos e económicos para desenvolver este tipo de ferramentas. A Deputación é unha das 52 entidades locais seleccionadas en toda España no programa RedCyTI Smart Economy, xestionado por Red.es, cuxos proxectos foron presentados nun acto celebrado en Madrid no que participou a deputada de Emprego, Medio Ambiente e Política Demográfica, Rosa Ana García.

Unha representación dixital do territorio

O xemelgo dixital funcionará como unha representación virtual da provincia que integrará información sobre poboación, vivenda, actividade económica, infraestruturas, consumo enerxético, abastecemento de auga e servizos públicos. A partir destes datos, a plataforma poderá identificar necesidades, detectar desequilibrios territoriais, analizar tendencias e simular diferentes escenarios antes de tomar decisións ou executar investimentos.

Entre as súas posibles aplicacións figuran a previsión das necesidades futuras de abastecemento de auga, a identificación de zonas con maior vulnerabilidade enerxética, a análise da demanda de vivenda e a planificación de novas infraestruturas. Tamén permitirá detectar oportunidades para a implantación de actividades económicas e a xeración de emprego.

O obxectivo é que os concellos conten con información máis precisa para planificar actuacións, distribuír os recursos dispoñibles e responder ás necesidades da veciñanza.

Apoio aos municipios máis pequenos

Un dos eixes do proxecto será reducir a fenda dixital entre os concellos e facilitar o acceso ás novas tecnoloxías ás administracións con menor capacidade técnica e económica. A iniciativa ten en conta as características da provincia, marcada pola dispersión da poboación, o envellecemento demográfico e as diferenzas entre as áreas urbanas e o medio rural.

A plataforma pretende contribuír á análise de retos como a perda de poboación nos municipios pequenos, as dificultades de acceso á vivenda e aos servizos, a vulnerabilidade enerxética e a perda de actividade comercial. Ademais, permitirá compartir información e establecer criterios homoxéneos para favorecer unha planificación coordinada das políticas públicas a escala provincial.

Durante a presentación en Madrid, Rosa Ana García destacou a importancia de que a transformación dixital chegue a todos os municipios, independentemente do seu tamaño, e sinalou que a intelixencia artificial e a análise de datos poden axudar aos concellos a anticiparse aos problemas e ofrecer respostas máis eficaces á cidadanía.

Máis de dous millóns de financiamento europeo

O proxecto disporá dun orzamento total de 3.365.010 euros. Deles, 2.019.006 euros, o 60 % do investimento, procederán de financiamento europeo, mentres que a Deputación da Coruña achegará os 1.346.004 euros restantes con fondos propios.

A actuación enmárcase no programa RedCyTI Smart Economy de Red.es, destinado a impulsar a transformación dixital das cidades e dos territorios intelixentes e a promover o desenvolvemento económico mediante tecnoloxías avanzadas.

O financiamento europeo procede do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España correspondente ao período 2021-2027.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.