A industria musical galega está de estrea: ten unha cita propia a próxima semana en Santiago de Compostela PALCO celebrará entre o 3 e o 5 de novembro a súa primeira edición como punto de encontro dos profesionais do sector, cunha programación que combina actuacións musicais, mesas de debate, obradoiros, reunións de negocio e espazos de traballo colectivo.
Unha iniciativa que nace para responder a unha necesidade que, segundo Patricia Hermida, presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), organizadora do evento, levaba tempo presente no sector: «A industria musical galega necesitaba un espazo coma PALCO para reunirse».
A poucos días da súa estrea, os preparativos afrontan a recta final con nervios e moito traballo. «Estamos cos últimos detalles. É unha estrea, como un concerto ou un espectáculo, e iso sempre xera moitísimos nervios», recoñece Hermida, que confía en que a programación sexa o mellor aval desta primeira convocatoria. A proposta pretende reunir durante tres días unha representación ampla e diversa do ecosistema musical galego, desde artistas e empresas ata programadores, representantes institucionais e outros profesionais vinculados á actividade cultural.
A idea de crear PALCO xurdiu das conversas que as distintas entidades do sector viñan mantendo arredor dos Premios da Industria Musical de Galicia, cuxa segunda edición se celebrará tamén no marco da feira, xa baixo a denominación de Premios PALCO. Eses encontros permitiron identificar unha carencia compartida: a falta dun lugar no que os axentes da industria puidesen dialogar, intercambiar experiencias e abordar cuestións que van máis alá da organización dun concerto ou dun festival.
«Nos pequenos espazos que temos para falar entre nós sempre acabamos dicindo que temos que xuntarnos e pensar máis alá do concerto e do evento», explica a presidenta de AGEM. A partir desas conversas comezou a tomar forma a idea de canalizar as necesidades comúns nun proxecto máis amplo, que acabou materializándose no Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, cuxa primeira parada é a propia organización de PALCO.
Un proxecto nacido das necesidades do propio sector
O plan estratéxico, elaborado co impulso da Xunta de Galicia e coa participación de diferentes asociacións profesionais, identificou como unha das súas primeiras prioridades a creación dun espazo estable de encontro e unha folla de ruta para os vindeiros anos. A iniciativa conta coa implicación de entidades como AGEM, AGATEC, Cultura Asociación Xestores, Músicas ao Vivo e TESGAL.
Hermida destaca que PALCO nace dunha reflexión colectiva e non dunha decisión allea á realidade das empresas e dos profesionais. «A pesar de que somos moitos e moi diversos e de que podemos ter necesidades diferentes, tamén temos moitas máis cousas en común das que pensamos», sinala.

Neste sentido, considera que a colaboración entre o sector e a Administración pública foi fundamental para facer realidade o proxecto. «Nós deseñamos o plan que o sector necesitaba e a Xunta apoiounos neste proceso. É unha demostración importante de como pode funcionar a colaboración público-privada», apunta. Para a presidenta de AGEM, resulta especialmente valioso que sexan os propios profesionais os que marquen as prioridades e indiquen cara a onde debe avanzar a industria.
A elección das datas tamén responde á realidade do calendario profesional: PALCO chega nun período no que comezan a planificarse as programacións do ano seguinte e no que as feiras musicais cobran especial protagonismo. Hermida lembra que o sector galego xa participa habitualmente noutros encontros estatais e internacionais, como ‘BIME Bilbao’, a ‘Fira B!’ en Mallorca ou ‘Trovam! Fira Valenciana de la Música’ pero considera que Galicia necesitaba contar cunha cita propia.
«Tiñamos moi claro que tiña que ser un punto de encontro da industria de Galicia», afirma. Un espazo que, ademais, permita reducir as dificultades que supón para moitos profesionais desprazarse a outras feiras, especialmente nun sector no que abundan as empresas de dimensión mediana e pequena.
O talento galego como protagonista
Un dos obxectivos centrais da primeira edición será reforzar o recoñecemento da música feita en Galicia. A organización quixo que os protagonistas da programación artística fosen, fundamentalmente, os propios artistas galegos, unha decisión que responde á convicción de que o territorio conta cunha escena diversa e cun nivel profesional capaz de competir nos principais circuítos.
A convocatoria para participar nos showcases recibiu arredor de 200 propostas, unha cifra que, segundo Hermida, tamén serviu para descubrir a dimensión e a variedade de proxectos existentes. «Unha das cousas que máis nos chamou a atención foi decatarnos de que había moitas propostas que nin sequera coñeciamos», explica.
A programación artística distribuirase entre diferentes salas de Santiago, co obxectivo de facilitar que os profesionais poidan coñecer os proxectos musicais en directo e establecer posibles relacións de traballo. O mércores 4 actuarán Xan Campos, Lumedoloop, Vimbio, Tona, Raze, High Paw, Apolo 18, Maricarme, Lisdexia e Galician Army. O xoves 5 será a quenda de Antía Muíño, Crow Machine, Abril, Néboa, Filloas, Terrae e Amoebo.
A selección pretende amosar a variedade de estilos e propostas que conviven na escena galega. Hermida considera que a industria atravesa un momento de especial madurez, con artistas que están a desenvolver as súas carreiras no ámbito estatal e profesionais que traballan en diferentes mercados internacionais.
«Estamos nunha primeira liña: temos grupos que están desenvolvendo as súas carreiras a nivel estatal, profesionais excelentes e xente traballando en todo o mundo», sostén. Tamén destaca a capacidade de resistencia e adaptación dun sector que, tras a pandemia, non só conseguiu recuperarse, senón que incrementou o seu nivel de esixencia e profesionalización.
Con todo, considera que segue existindo unha materia pendente: o recoñecemento do propio talento. «Temos un problema de recoñecemento da nosa música. Estamos traballando a un nivel de primeira liña, pero fáltanos ese recoñecemento propio», sinala. Unha cuestión que explica tamén a importancia dos premios que AGEM vén impulsando e que este ano volverán entregarse no marco de PALCO.
Cinco liñas de traballo para abordar os retos da industria
Máis alá dos concertos, PALCO estrutúrase arredor de diferentes espazos que pretenden responder ás distintas necesidades dos profesionais. A programación inclúe PALCO FOCO, PALCO LAB, PALCO ENCONTROS, PALCO OBRADOIROS e PALCO PITCHINGS, cinco formatos que combinan reflexión, formación, negociación e intercambio de coñecemento.
PALCO FOCO reunirá conversas abertas sobre cuestións de actualidade, como a relación cos públicos, os novos modelos de festivais, a evolución das formas de consumo musical ou o desenvolvemento das carreiras artísticas. Entre as sesións previstas figuran encontros con The Rapants sobre a construción dunha carreira musical, con 9Louro arredor do coñecemento dos públicos e con Sabela Ramil sobre o benestar profesional e a saúde mental na industria.
Pola súa banda, PALCO LAB será un dos espazos centrais para abordar os problemas estruturais do sector. A través de mesas de traballo a porta pechada, diferentes axentes profesionais e representantes da Administración analizarán cuestións como a contratación artística no ámbito público, a profesionalización e a formación, o relevo xeracional ou a colaboración entre salas e festivais.
A intención é que estes encontros non queden nun simple intercambio de opinións. «Queremos sacar unha especie de folla de recomendacións de boas prácticas», explica Hermida. A organización tamén prevé aproveitar un dos laboratorios para traballar co conxunto das asociacións profesionais nas prioridades e accións sectoriais que deberían impulsarse en 2027.
Os encontros profesionais terán tamén un papel destacado. PALCO ENCONTROS facilitará reunións privadas entre programadores públicos e privados, axentes de management e booking, representantes artísticos, medios de comunicación e prescritores. Trátase de ofrecer un contexto no que presentar proxectos, establecer contactos e explorar oportunidades de colaboración tanto dentro como fóra de Galicia.
A programación complétase con obradoiros prácticos sobre cuestións como a sincronización musical, a preparación dos riders técnicos ou a aplicación dos dereitos de autor, ademais de presentacións breves de iniciativas e proxectos vinculados á industria a través dos pitchings.
Unha feira aberta tamén ás novas xeracións
A organización quere que PALCO sirva igualmente para achegar a realidade profesional da industria musical a quen está comezando a súa formación. Para iso, estableceu colaboracións con centros de ensino de Imaxe e Son da Coruña e Vigo, cuxo alumnado acudirá á feira para coñecer de primeira man as posibilidades laborais e os distintos perfís profesionais que existen no sector.
Hermida considera importante que os futuros traballadores da industria poidan ter contacto con esa realidade antes de incorporarse ao mercado laboral. A feira pretende, deste xeito, converterse tamén nun espazo de orientación e coñecemento para as novas xeracións.
A presidenta de AGEM subliña, ademais, que PALCO non está pechado exclusivamente para os profesionais que acudan cos seus proxectos ou necesidades de negocio: aínda que se trata dunha feira especializada, tamén quere abrir as portas a persoas interesadas na música e no funcionamento da industria, así como a estudantes e curiosos que queiran coñecer mellor o sector.
A Cidade da Cultura como centro de actividade
A maior parte da actividade profesional desenvolverase no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, mentres que os showcases se repartirán por diferentes salas compostelás. A elección deste espazo responde, segundo Hermida, á súa capacidade para acoller os distintos formatos da feira e ás condicións que ofrece para organizar unha convocatoria deste tipo.
A presidenta de AGEM sitúa por riba das 300 persoas acreditadas o límite que permitiría desenvolver o encontro coas condicións de espazo dispoñibles. Ademais, PALCO contará cunha ampla representación de profesionais convidados procedentes doutros territorios do Estado, seleccionados para favorecer o contacto directo coa industria galega.
Para Hermida, este primeiro encontro debe servir tamén para recuperar unha dimensión das relacións profesionais que ás veces queda relegada pola intensidade do traballo diario. «Estamos perdendo un pouco esa relación persoal. Cando a industria era máis pequena había máis contacto entre nós, e creo que é necesario manter ese vínculo afectivo», reflexiona.
PALCO nace así coa vocación de consolidarse como unha cita anual e contribuír á vertebración dunha industria que representa arredor do 2 % do PIB galego. Un sector cuxo valor, insiste Hermida, non debe medirse unicamente polo seu impacto económico, senón tamén pola súa contribución cultural e social.
«É importante o desenvolvemento de propostas de todos os tamaños e de todas as índoles. Son necesarias para a sociedade», conclúe.