Mayra García destaca que Trabada lidera o primeiro Índice de Desenvolvemento Rural Sostible de Galicia

A candidata a reelección fixo un repaso polos proxectos dos últimos oito anos e declarou a súa intención de "seguir traballando por Trabada" con novas propostas
Trabada

A alcaldesa de Trabada e candidata socialista á reelección, Mayra García Bermúdez, pediu onte o apoio dos seus veciños “para seguir traballando por Trabada, para mellorar o noso pobo con humildade e respecto”. Os socialistas da localidade celebran hoxe o mitin de peche de campaña ás 22:00 horas na Casa da Cultura, coa presenza de Patricia Otero, Deputada no Parlamento de Galicia; César Mogo, Senador, e Ismael Rego, ex Deputado autonómico.

Mayra García Bermúdez agradece “o interese e as propostas dos veciños e veciñas nesta campaña, onde fixemos un repaso dos últimos anos e falamos de futuro, de proxectos que xa temos moi encamiñados para Trabada”. A socialista subliñou que, despois de oito anos á fronte da Alcaldía, “froito da nosa xestión e do esforzo de todos, saímos da parálise na que o PP nos tiña inmersos”. Neste sentido, incidiu nos importantes avances en materia de servizos, urbanismo, apoio ó sector primario e infraestruturas que conseguiu xunto co seu equipo nestes dous mandatos, subliñando que afronta esta nova etapa “con proxectos de futuro, reais, claros e concretos, e con forza, ganas de seguir traballando, con ilusión e co aval da experiencia, do coñecemento e tamén da nosa traxectoria”.

Como resultado desta boa xestión, na actualidade Trabada lidera o primeiro Índice de Desenvolvemento Rural Sostible de Galicia, realizado polas universidades de Santiago e A Coruña, e que avalía a situación de cada un dos 114 concellos rurais galegos de menos de 2.000 habitantes, tendo en conta diferentes variables. “O noso concello é o número 1 en Galicia”, recalcou a candidata socialista. Así mesmo, dende que goberna, Mayra García declara que multiplicou por dez o importe económico destinado a investimentos con respecto á etapa do PP.

“Nestes oito anos, puxemos en marcha numerosos servizos públicos, como o Punto de Atención á Infancia e o Centro de Atención as Maiores”, ademais de duplicar o persoal do Servizo de Axuda no Fogar. O Goberno local tomou a iniciativa de rehabilitar antigas vivendas de mestres para aluguer social; promove unha axenda cultural e de lecer transversal e durante todo o ano; e aumentou o número de dotacións públicas municipais, tanto deportivas, como parques infantís ou para a promoción social, cultural e turística.

No ámbito urbanístico, Trabada foi o primeiro Concello galego que aprobou un Plan Básico Municipal. Tamén adoptou medidas de apoio ó sector primario, que é estratéxico, como a mellora dos accesos ás explotacións, bonificacións fiscais ou a posta en marcha do servizo de recollida porta a porta de plásticos agrícolas.

Para seguir avanzando, a socialista xa ten en marcha “proxectos de futuro”, “realidades”, como “a construción dun Centro Social na Ría de Abres, que imos executar tan pronto teñamos os fondos”; a construción dun auditorio; a mellora da piscinas municipais; a reforma integral do teleclub de Vilaformán; a renovación do pavimento da rúa Joaquín Velasco; a creación dun campo de bolos e a mellora e peche do campo de fútbol; a mellora das cubertas do Concello e da Cámara Agraria; a mellora das rutas de sendeirismo; a cobertura total de fibra óptica no municipio; ou un programa de atención ás persoas maiores, que desenvolverá grazas á unha axuda do Goberno do Estado por importe de 146.000€ -o único concello da provincia que conseguiu a axuda- e que inclúe acompañamento hospitalario ou servizos fisioterapéuticos e de terapia ocupacional nas casas.

«Somos a única opción fiable para dirixir o futuro do noso pobo. Fronte ó abandono e a desidia do PP, que como único proxecto en Trabada ten o de criticarme e insultarme, temos o modelo do Partido Socialista, de traballo e xestión, como temos demostrando e como seguiremos demostrando, se os veciños nos dan a súa confianza», asegura. Dende o Partido Popular “aínda levan mal que gañara unha muller e que sexamos humildes, pero no 2015 dixemos non á cacicada e agora tamén. Son os mesmos e veñen con rancor e para facer revancha. Aquel que dubide de votarnos, que pense ben o que fai co seu voto porque o voto do PP é un voto de respaldo ó odio e á maldade. É o único que se lles dá ben. Na xestión, aínda que sei que nunca é suficiente todo o que facemos e que temos fallos, gañamos nós”, recalcou.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.