Arredor de 1.100 persoas están inmunizadas fronte ao COVID-19 en Galicia, o que supón un 0,65% da poboación. Estas son algunhas das conclusións do Estudo de seroprevalencia fronte ao COVID-19 que está realizando o Sergas e que se presentou esta mañá en rolda de prensa.
Polo de agora levouse a cabo a primeira das fases do estudo. Para realizala, fíxose un test de seroprevalencia a 2.895 veciños e veciñas da área sanitaria de Ferrol, que abrangue as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. O resultado foi que só 13 persoas deron positivo por coronavirus.
Unha das conclusións do estudo, que se realizou a nivel autonómico é que a prevalencia de inmunes aumenta coa idade, tanto en homes como en mulleres, pasando do 0,56% nos menores de 19 anos cun total de 2.196 persoas nese tramo de idade inmunizadas, ao 1,64% no grupo de 65 anos en diante, con 10.959 persoas con anticorpos.
Outra das conclusións do estudo é que a prevalencia de inmunes nas persoas que tiveron síntomas da enfermidade multiplica por catro á das persoas que non os tiveron (2,73% vs. 0,70%).
Con este estudo, a Consellería de Sanidade busca un triplo obxectivo: estimar a prevalencia da inmunidade fronte ao COVID-19 nas diferentes localidades galegas, definir cal é a súa repercusión de acordo ás variables de sexo e idade, e, finalmente, monitorizar a evolución da epidemia durante o período de tempo en que se produza a recollida da información.
O estudo epidemiolóxico, unha vez finalizado, permitirá ter unha visión máis nítida e ampla do COVID-19 en Galicia, e incide en que esta investigación repercutirá dun xeito beneficioso en toda a poboación, particípese ou non na toma de datos. Os resultados do proxecto posibilitarán acadar un coñecemento profundo da epidemia do COVID-19, permitindo adoptar as medidas máis axeitadas; coñecer a súa incidencia de acordo as variables de sexo, idade, área territorial e, sobre todo, poder anticiparse perante a posibilidade de novos contaxios potenciais.