O Concello de Pontedeume organiza un ano máis os seus campamentos de verán para nenos e nenas co obxectivo de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral. En concreto, poñeranse en marcha dúas actividades como son os Rueiros de Verán 2020 e as XXXII Acampadas Intermunicipais na Natureza. Debido á crise sanitaria da Covid-19, aplicaranse as normas e protocolos que para este tipo de iniciativas decreten as autoridades sanitarias.
Os primeiros están dirixidos a nenas e nenos de 3 a 12 anos durante a segunda quincena de xullo e o mes de agosto nas instalacións do CEIP Couceiro Freixomil (25 prazas) e nas do CEIP Andrade (25 prazas). E as acampadas dividiranse nun Campamento Multiaventura do 31 de xullo ao 8 de agosto para rapaces e rapazas de 12 a 17 anos e o Campamento Robinson do 9 ao 15 de agosto para nenas e nenos de 6 a 11 anos.
Estas actividades forman parte do Programa de Educación en Valores no que se traballa dende a área municipal de Animación Socio Comunitaria, «co obxectivo de dotar dun contido educativo e lúdico todas aquelas dinámicas desenvoltas ao longo dos días no que se realizan os campamentos», explican desde o consistorio.
Despois do estado de alarma, os campamentos responden á necesidade que teñen moitas familias eumesas á hora de conciliar a súa vida familiar e laboral nas próximas semanas. Os interesados poden realizar as súas inscricións a partir de hoxe no departamento municipal de Servizos sociais, previa cita teléfonica no 981 433 288.