Este xoves 30 de xuño será o último día no que se poderá votar por “AI-LALELO”, a cantiga galega que participará no AI Song Contest, a Eurovisión das cancións escritas por intelixencia artificial. A final celébrase o vindeiro 6 de xullo na cidade belga de Liège e a vencedora de entre as 15 participantes sairá elixida pola suma do televoto e do voto do xurado, cun valor de 50% cada un.
A votación pódese realizar a través da páxina http://votaailalelo.com/ ata xusto un día antes de que “AI-LALELO” sexa interpretada en directo por primeira vez no programa da Televisión de Galicia Luar.
Galicia estará presente no AI Song Contest da man do equipo PAMP! —as siglas de Proxecto Ana María Prieto, un homenaxe á primeira programadora galega— con esta canción cuxa melodía e letra foron compostas por intelixencia artificial, partindo de coplas e música tradicional galegas.
“Conseguimos transformar a tradición en innovación a través da intelixencia artificial e agora imos levar a cultura galega ó festival e reinvidicarnos ante o mundo”, explicou o coordinador do proxecto e responsable creativo de CECUBO Group, Joel Cava, durante a presentación da canción a pasada semana no Museo do Pobo Galego.
Discussion about this post