Estás nominada ós Premios Educa Abanca na categoría de mellor docente de E.Primaria. Que supón para ti?
Unha ledicia inmensa. Estas nominacións realízanas os alumnos e as súas familias, polo que é un orgullo para min. Saber que o meu traballo é valorado e que chegou ao corazón dos nenos supón unha gran felicidade, xa que lles importa o que fago, gústalles como o fago e sobre todo porque marquei as súas vidas, aínda que sexa un pouquiño.
Como describirías o teu traballo no CPI Virxe da Cela?
Procuro que o meu ensino teña varios ingredientes: vínculo co alumnado, apoio das familias, naturalidade, innovación , coñecementos e bo humor. Pretendo que os nenos teñan ganas de volver ás miñas clases, por estar comigo, por gozar das actividades e por sentirse a gusto coa materia que imparto, neste caso Educación Física. Pasar un bo intre cheo de risas e alegría, aprendendo ao mesmo tempo. Quero que nos convertamos nunha pequena familia onde nos apoiemos e aprendamos xuntos.
Recomendarías ós teus alumnos que fosen mestres?
Recomendaríalles que fosen o que queiran ser, pois o importante é que sexan felices coa súa elección. O traballo que un elixe acompáñao o resto da súa vida. E é mellor alcanzar soños que nos enchan de alegría. Se un alumno ou alumna dime que quere ser profesor estaría encantada, xa que é unha grandísima profesión, coa que se pode axudar a moitísimas persoas e cambiar grandes cousas. Apoiaríaos fose cal fose a profesión, só pídolles que teñan vocación.
Soñabas con ser docente?
Si, tíveno claro desde que era unha nena e colocaba aos meus peluches enriba da cama e xogaba a darlles clase. Sempre tiven un forte vínculo con esta profesión. Gustoume desde pequena ensinar aos demais e aprender ensinando. É unha das cousas máis claras que tiven na vida, sobre todo unha vez que empezas a traballar nos colexios e ves a teoría feita realidade. E grazas á constancia, ao esforzo e ao traballo duro ese soño de pequena fíxose realidade.
“Saber que o meu traballo é valorado e que chegou ó corazón dos nenos supón unha gran felicidade”
“Encantaríame que chegase o día no que unha lei cubra as necesidades reais do alumnado”
Que mellorarías do sistema educativo actual?
Melloraría moitas cousas. para empezar as leis educativas. Encantaríame que chegase o día no que puidésemos ver unha lei que cubra as necesidades reais do alumnado, que non estea collida por pinzas e que non sexa tan burocrática. Unha lei que se centre máis no importante, que son os nenos e nenas. Melloraríao cambiando de ministros de educación, que tivesen máis coñecemento do que necesita un colexio, os seus profesores e o alumnado.
Como ves o procedemento das oposicións de ensinanza?
Eu cambiaría o sistema de oposicións, xa que considero que non mide perfectamente a calidade dunha persoa para ser docente. Por desgraza vin a moitos docentes que para min non deberían de estar no seu posto de traballo e a moitas outras persoas que quedan ás portas ano tras ano e non poden ter a oportunidade de demostrar o valiosas que son, e todo polo sistema de selección que está exposto.
Cres que hai que facer cambios no día a día dos colexios?
Gustaríame que cambiasen moitas cousas na funcionalidade dun colexio, como ter docentes implicados, que innoven, que se reciclen, que teñan vocación, que fagan un esforzo por entender ós nenos, que o dean todo por eles e que prediquen co exemplo. Pero estou segura de que pouco a pouco iremos conseguindo cambios por unha educación mellor.
Discussion about this post